Inaugurado no ano 1921, o faro de Lariño, Carnota, atópase entre Fisterra e Muros. Aínda que os lugares máis visitados de Carnota son un hórreo de dimensións extraordinarias ou as súas fabulosas praias, visitalo faro convértese nunha experiencia moi agradable dado que o mesmo está rodeado dunha curiosa vexetación e rochas nas que o salitre xa forma parte da súa morfoloxía.
O día que visitamos o faro de Lariño demos renda solta a nosa creatividade fotográfica porque entre as rochas que arrodean o faro había pozas de auga, nas que vimos fabulosos reflexos do faro.
Trepamos polas rochas para obter fotos da linterna do faro, de forma tronco- piramidal, coa vexetación como marco natural.
O faro ten capacidade para dúas vivendas, e varias estancias máis que se reparten entre taller de reparacións, despacho ou sala de motores.
Temos que destacar, como último dato, que a carón do faro hai un antigo campo de fútbol no que se poden ver numerosos e coloridos graffitis e unha preciosa praia de area fina dende onde se pode ver o MONTE LOURO, en Muros.
Redacción e fotografía: Ana Requeijo.















































