As prioridades do grupo de goberno non coinciden coas necesidades dos veciños
O difícil contexto económico actual fai que moitas familias da Estrada estean a pasar serios apuros para facer fronte aos gastos en alimentación, roupa, libros escolares ou medicinas. Os datos de desemprego no noso Concello atópanse en cifras históricas en canto ao número de desempregados, moitos dos comercios pecharon as súas portas no último ano e as empresas locais teñen serias dificultadas parar facer fronte ás nóminas dos seus traballadores.
“O alcalde López Campos e os concelleiros do goberno municipal inda non se deron conta que A Estrada precisa é que o Concello apoie o tecido produtivo, investindo para que as empresas teñan traballo e promovendo o emprego local. O orzamento municipal debe empregarse en proxectos prioritarios que beneficien ao colectivo dos estradenses e en prestar servizos aos cidadáns, non é momento de priorizar paseos e mobiliario urbano, campos de fútbol ou gastar cartos en actos protocolarios que nada aportan aos veciños”
Lonxe de afrontar a realidade, o alcalde López Campos e o seu grupo de concelleiros, miran para outro lado e pretende agochar a realidade falando de proxectos que teñen como obxectivo mellorar a estética das rúas da vila e gañar espazos para o paseo dos cidadáns, contrata cuñas de radio para presentar un mundo idílico e vallas publicitarias con amplos sorrisos que acompaña con outros inmorais gastos propagandísticos, como as cartas que recentemente remitiu o Alcalde a todos os veciños con un único fin: “autopublicide do Sr. López Campos a coste cero para o PP, posto que os gastos saíron do peto de todos os estradenses”.
Os desaxustes entre as necesidades da Estrada e as accións que está a emprender o goberno municipal de López Campos reflexa unha total desconexión dos integrantes do grupo de goberno do PP coa realidade. En lugar de empregar o presuposto municipal en favor dos veciños, vemos como o Alcalde se mostra encantado de entregar os cartos que son da Estrada á Deputación. “Mesmo semella que lle tarda o momento de facer a foto co Sr. Louzán asinando regalarlle 4 millóns de euros, a pagar nos próximos 10 anos, e condenando a cadea perpetua a personalidade económica do Concello ao aceptar a vixencia indefinida do convenio de delegación da xestión tributaria por prórrogas automáticas de 10 anos todas elas”, comentou Louzao.
“A Estrada non pode permitirse perder anualmente 400.000,00 €, posto que isto vai significar deixar de destinar este orzamento a outros asuntos que si son prioritarios para A Estrada, tecido produtivo, dinamización económica e promoción do emprego local”.
Convocatoria da Comisión de Facenda
Só as presas e as ansias do Alcalde por render pleitesía ao Sr. Louzán e baleirar de competencias ao Concello en favor da Deputación, poden explicar que a convocatoria da Comisión de Facenda se teña realizado as 21.00 h do venres noite. “Só queda por ver cal será o proveito de tal decisión, pois os danos xa se sabe que son para os veciños da Estrada, pois verán como ano tras ano parte dos seus cartos viaxarán cara a Deputación nun camiño sen retorno”.
Redacción: PSdeG PSOE de A Estrada






































