Este luns día 2, entre as 10.00 h e as 14.00 h, activarase o servizo de reserva de entradas para o espectáculo OS AXÓUXERES que terá lugar o vindeiro sábado 7 no Teatro Principal da Estrada ás 12.00 h.
Os Axóuxeres traen historias, música e diversión para os cativos menores de 6 anos, desta volta da man dunha compañía pioneira do teatro para bebés en Galicia: Caramuxo Teatro.
Na obra cóntanse historias adaptadas á xente miúda da casa, mesturadas con cancións especificamente creadas para a montaxe que implican directamente a participación do público.
O punto de partida é o descubrimento do mundo que nos rodea, tan característico da idade máis temperá. A partir da curiosidade por saber o que hai dentro dunha casa, e empregando o elemento sorpresa, fálase dos cambios que vivimos a diario na nosa vida e no noso contorno. Estes preséntanse como elementos positivos no desenvolvemento das persoas e das relacións entre elas. Preguntarse quen será ese novo veciño que é diferente
a min e descubrir o seu mundo pode ser unha canle a novas experiencias e novas aprendizaxes de vida.
A entrada para os Encontros dos Axóuxeres é de balde, con reserva previa ata completar a capacidade. As persoas interesadas en asistir á función na Estrada poderán inscribirse a partir do día 2 luns de decembro chamando a partir das 10.00 h ao teléfono 610641570. O aforo máximo da función é de 100 espectadores.
Redacción: Departamento de Cultura






































