O BNG de A Estrada demanda que "O Goberno de Feijóo inviste cero euros nos principais sectores produtivos da Estrada"

IMG_6678O PP di que non hai cartos para a concentración parcelaria de Souto, a Cidade do Móbel ou o centro de día, pero para facer campos de fútbol si hai.

O Concelleiro do BNG, Xosé Magariños, anunciou hoxe nunha nota de prensa remitida aos medios de comunicación local que “o PP rexeitou no Parlamento Galego todas as emendas presentadas polo BNG, en concreto para a parcelaria da parroquia de Souto, para a
Cidade do Móbel e para o centro de día”.

Segundo explicou o concelleiro nacionalista “para o BNG non é ningunha sorpresa, o PP rexeita por sistema todas as nosas demandas, e tampouco é ningunha sorpresa que o goberno de Feijóo inviste cero euros nos principais sectores produtivos do noso concello”.

Xosé Magariños afirmou que “o PP co beneplácito do alcalde, practica unha política de terra queimada, unha política suicida que está levando ao desastre a este concello, con cifras de paro alarmantes, e a Galiza”. 

“Chama a atención”, explicou o concelleiro do BNG, “como as grandes demandas de López cando aínda non era alcalde (autovía, cidade do móbel, etc), gárdaas para cando estea na oposición, cousa que vexo moi probábel a partires de 2015, porque en dous anos de goberno non foi quen de conseguir ningún gran investimento para a Estrada, abandonando á súa sorte os nosos sectores produtivos”.

“O PP non fai nada”, afirmou Xosé Magariños, “coa escusa de que non hai cartos a seca dos investimentos da Xunta na Estrada é total; iso si, cartos non haberá para concentracións parcelarias e a Cidade do Móbel, pero para campos de fútbol si hai cartos”, denunciou o concelleiro nacionalista.

“Por outra parte”, engadiu o concelleiro do BNG, “seguiremos insistindo presentando ano tras ano as emendas e os proxectos que nos consideramos importantes para A Estrada, polo menos para os veciños e veciñas da Estrada vexan, que nós si temos un proxecto, nós si temos unhas prioridades, que pasan por potenciar os nosos sectores produtivos: o agro-gandeiro, o móbel e o turístico, sen esquecer os servizos sociais esenciais en calquera
sociedade moderna”.

Fotografía: Iria Eiras / Redacción: BNG de A Estrada

Esta entrada fue publicada en Política, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta