Os socialistas piden incrementar inversión e reducir gasto improdutivo

psoe2O PP predican austeridade e executa derroche. 

O vindeiro luns o Alcalde da Estrada, Sr. López Campos, levará a pleno a aprobación dos orzamentos 2014, uns orzamentos que en palabras do líder socialista José Antonio Dono “non son útiles para facer fronte ao desemprego nin impulsar a economía produtiva local”.

“Segundo se desprende do documento de orzamentos, os ingresos en 2014 sitúanse en 11.576.582, só un 1,3 %  menos con respecto ao 2013. Fronte a esta pequena baixada de ingresos as inversións redúcense en 2014 nun 31,5 %, mentres os gastos correntes do Concello soben nun 4,09%. Gastos correntes que nos últimos 3 orzamentos elaborados por López Campos e o seu grupo de goberno se incrementaron en 1.462.413 euros”, detallou a portavoz socialista Belén Louzao.

Con estes datos sobre a mesa, e atendendo á situación na que se atopan o noso Concello: máis de 2.200 persoas en situación de desemprego, cada vez máis familias que non dan feito fronte ao pago do recibo da luz e dependen de entidades sen fin de lucro para conseguir alimentos, os comercios pechando e as empresas con dificultades para pagar as nóminas a fin de mes e obter carga de traballo, dende o grupo socialista puxemos encima da mesa a necesidade de reformular os orzamentos de 2014. 

Na Comisión celebrada o martes 17, dende o grupo socialista tendemos a man ao goberno municipal para negociar un orzamento no que se reduza entorno a un 10% o gasto corrente e se incrementen as inversións. Propuxemos priorizar e concretar as accións no rural, pois facer partidas xenéricas e caixón desastre nas que cabe todo e nada leva a facer actuacións non prioritarias ou cacicadas que non contribúen a mellorar a situación actual dos veciños. Pedimos incrementar as actuacións na vila, contemplando inversións tan necesarias como a humanización da Rúa 24, da Fermín Bouza Brei ou da Avd. de Santiago, actuacións que cos 80.000 euros que se contemplan nestes orzamentos non se poderán acometer.

“É necesario reconsiderar algunhas inversións, pois non parece prioritario voltar a investir en compra de mobiliario cando se acaban de gastar no mesmo partidas importantes en 2013, igual que é preciso conter o gasto en deportes, cultura, ou recortar en publicidade propaganda, decoración e atencións protocolarias, pois nestas últimas partidas contémplase máis gasto que os 80.000 reservados para inversións no casco urbano… Hai que concretar inversións que dean solución a necesidades reais dos veciños e veciñas, e repercutan claramente na economía local, que sirvan para dar traballo as empresas da Estrada (como fixo o goberno de José Antonio Dono durante a lexislatura anterior)”, declarou Louzao.

Falan de austeridade e executan derroche

Non se pode gobernar con dobre moral, e nos tempos que corren resulta un insulto para os cidadáns ver como o goberno local presume de boa xestión mentres derrocha os cartos dos estradenses.

López Campos, agora que é Alcalde incrementa o gasto corrente, mentres cando estaba na oposición, a pesares de que este gasto se situaba 1,5 millóns máis baixo, pedía a súa redución a toda costa. O mesmo López Campos que cortou puntos de luz pública no rural argumentando necesidade de aforro e agora derrocha cartos nas luces do alumeado de Nadal na vila.

“A situación económica non está como para incrementar gastos non produtivos. Subir o gasto de decoración de luces de Nadal ata os 20.000 €, máis gastos de consumo eléctrico, un incremento de máis de 5.000 € este ano 2013, é un derroche inmoral e totalmente innecesario. Parece que unha vez máis o grupo de goberno vive afastado da realidade e non ve os apuros económicos da familias, ou quizais prefire ignorar ao veciños e seguir recreándose en fotos de autobombo e propaganda”.

Esta entrada fue publicada en Política, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta