A Concelleira e o Alcalde suprimiron unilateralmente a reunión de valoración e contas
A importancia do sector agrícola-gandeiro na Estrada é innegable, pero parece que para o Alcalde López Campos e o seu grupo de goberno só son importantes o día da inauguración da Feira da Becerra. A piques de rematar o ano 2013, e cando xa transcorreron case tres meses dende a súa celebración o goberno municipal nin se reuniu co sector para valorar os resultados da XIX edición, nin pagou os premios outorgados ás distintas ganderías durante certame.
“Unha vez máis o Alcalde López Campos fai o contrario do que defende nos seus discursos públicos. Nin el nin os seus concelleiros faltaron á foto da inauguración, pero ben distinto é estar aos lado do sector cando os focos se apagan e as cámaras se van. Se en 2012 o goberno municipal cambiou a Feira por unha cea para gandeiros escollidos, en 2013 trala celebración Feira ten xerado un importante malestar entre os participantes”, comentou a portavoz socialista.
Para as ganderías participar na Feira da Becerra supón un notable esforzo, non só polo desprazamento dos animais e os custes que eso lles ocasiona, se non tamén polo trastornos que eses tres días causan nas explotacións gandeiras e nos seus animais. Ademais, son os representantes das propias ganderías os que buscan a implicación das distintas empresas colaboradoras na celebración da Feira e traballan na consecución de apoios para o certame. “Esforzo e traballo do que recolleu os froitos o Concello e do que non rendeu contas ao sector”
Tres meses despois nin a Concelleira Pais nin o Alcalde mostran o máis mínimo respecto polo sector.
Dende o Concello decidiron suprimir unilateralmente a reunión de valoración posterior á celebración da Feira, na que se analizaba a consecución dos obxectivos marcados e se daba conta dos gastos ocasionados, “parece que o tempo da Concelleira Pais vale máis que o dos gandeiros presente na XIX edición da Feira da Becerra, pois a explicación que se lle deu ao sector dende o Concello foi que se suprimía a reunión posto que a Concelleira estaba moi ocupada e non tiña tempo para celebrar a reunión de valoración cos participantes”.
Amais, a piques de pechar o ano contable no concello, as ganderías que resultaron premiadas no certame inda non recibiron o ingreso dos premios. “É certo que as contías económicas non son moi elevadas, pero son deles. O Alcalde non deixa de fachendear de pagar a menos de 30 días as facturas ás empresas, pero parece que os gandeiros non lle merecen o mesmo respecto”
Redacción: PSdeG PSOE de A Estrada / Fotografía: Iria Eiras






































