O concelleiro do BNG, Xosé Magariños,
presentou hoxe de urxencia unha moción sobre o proceso de execución das
concentracións parcelarias de Codeseda e Arca. Segundo explicou o concelleiro nacionalista “a moción foi aprobada por unanimidade e insta á Xunta de Galiza a rematar ambas as dúas concentracións parcelarias no prazo dun ano e a informar aos veciños e veciñas dos prazos e estado de execución desta obra”.
Magariños explicou que “a tramitación desta concentración parcelaria iniciouse en xullo de 2000 e naquela altura anunciaban os responsábeis da consellaría que duraría sobre cinco anos”. “Estamos en 2014,” engadiu o concelleiro nacionalista, “van alá 13 anos, e os veciños ven con incertidume e con certo desánimo un proceso que moitos vían esperanzados, xa que ordenaba o territorio nunha das zonas máis ricas e fértiles do concello no que se refire ao sector agro-gandeiro se refire”.
“Hoxe”, explicou o concelleiro do BNG, “moitas propietarias e propietarios non poden entrar nas súas propiedades porque as entradas non están acondicionadas ou porque as obras, aínda non rematadas, deixan en moitos casos as fincas inaccesíbeis.” “Por outra parte”, engadiu Magariños, “a xefatura provincial ten completamente desinformados aos veciños e veciñas, hai máis dun ano e medio que non van polas parroquias de Arca e Codeseda, e os veciños teñen un descoñecemento total sobre o estado actual de execución da concentración parcelaria”.
“A moción foi aprobada por unanimidade”, afirmou o concelleiro nacionalista, “agardemos que a consellaría cumpra co mandato do pleno da Estrada, e que o alcalde vele polo seu cumprimento, para que dentro dun ano remate dunha vez esta concentración”. “Que non teñamos que agardar outros trece anos”, rematou dicindo o concelleiro do BNG.
Redacción: BNG de A Estrada / Fotografía: Iria Eiras






































