Desde o mércores 26, os técnicos do departamento de xestión tributaria atenderán nun local situado na rúa Serafín Pazo, 16
A DEPUTACIÓN TRASLADA TEMPORALMENTE A OFICINA DO ORAL DE A ESTRADA, PARA EXECUTAR OBRAS DE REFORMA NA ACTUAL
· Está previsto que nun prazo de tres meses se rematen as obras de remodelación
· A Deputación incrementou xa o persoal desta oficina en dúas persoas
A Deputación de Pontevedra traslada temporalmente as oficinas do ORAL de A Estrada a un novo local, como consecuencia das obras de remodelación que se están a levar a cabo nas actuais instalacións da Avenida Benito Vigo.
Desde este mércores 26 de marzo, os técnicos do departamento de xestión tributaria que prestan servizo na Estrada atenderán nunha sede temporal situada na rúa Serafín Pazo 16.
Este traslado será por un prazo de tres meses, dado que este é o tempo no que está previsto que se rematen as obras de mellora da oficina da Avenida de Vigo, que precisa dunha reforma e adaptación dos postos de traballo, como consecuencia da ampliación do persoal destinado a ela, despois de que o Concello de A Estrada delegase no ORAL o cobro de todas as taxas e impostos.
En 2013, o ORAL atendeu na oficina de A Estrada un total de 4.719 consultas, pero o feito de que este departamento da Administración Provincial se responsabilice desde este mesmo ano da xestión de todos os tributos e taxas suporá un notable incremento de usuarios, polo que a Deputación procedeu xa ao incremento do persoal, con dous novos traballadores nestes momentos.
Redacción: Deputación de Pontevedra






































