A Asemblea de Compromiso por Galicia da Estrada decide por unanimidade xuntar forzas á iniciativa cidadá aberta A Estrada Pode

cxglogoA decisión tomouse logo de comprobar que as outras forzas alternativas ao PP na Estrada non amosasen vontade de confluír nunha candidatura conxunta para as eleccións municipais.

CXG da Estrada concorda co redactado do Manifesto e o Código Ético por consideralos concomitantes cos seus postulados de transparencia, rexeneración democrática, defensa do estado do benestar e das persoas e do dereito a decidir dos pobos.

11027958_1551021918494885_8750718926553280711_nTras o convite realizado pola iniciativa cidadá A Estrada Pode para participarmos na asemblea de presentación deste colectivo e despois de termos estado presente na mesma, a Asemblea Local de Compromiso por Galicia da Estrada acordou por unanimidade traballar conxuntamente con todos os colectivos e cidadáns que de modo individual se adhiran á mesma para conformar unha candidatura veciñal para as próximas eleccións municipais da Estrada.

Compromiso por Galicia da Estrada tentou en todo momento, e tras  contactos informais con todas as forzas políticas que aspiran a desprazar do goberno municipal ao Partido Popular, chegar a un entendemento previo, de forma a articular unha candidatura conxunta, con todas elas e cos colectivos sociais, de unidade popular. Porén, isto non foi posible pola unilateralidade que amosaron tres desas forzas políticas, diante do cal, finalmente CxG optou por sumar esforzos en A Estrada Pode.

Son varias as razóns que nos levaron a tomar tal decisión, todas elas de similar importancia. Unha delas  é o feito de que tal movimento se constituíse a partir dunha iniciativa cidadá, aberta e transparente, partindo de cero e, polo que alí observamos, sen ningún tipo de funcionamento ou estratexia predefinida e, por tanto onde a xente, e non os aparellos partidarios, decide-

En segundo lugar, verificamos que os puntos centrais do manifesto de constitución reflicten na súa totalidade o noso ideario político, de forza progresista, galeguista e nacionalista, que pon sempre por diante os intereses das persoas e do noso país. Nomeadamente: a defensa do estado de benestar frente ás políticas de recortes e empobrecimento da cidadanía que aplica o Partido Popular; a rexeneración democrática e loita contra o caciquismo e o clientelismo do actual goberno municipal; o proceso de eleccións primarias abertas a toda a cidadanía, ausente nas outras candidaturas municipais anunciadas; pór as persoas, e os seus dereitos, por riba dos grandes intereses económicos e, portanto, concentrar todos os esforzos municipais en devolverlles todos os seus dereitos; o respeto pola libre decisión do noso país a decidir democraticamente o seu destino e o combate á recentralización do Estado, ou o protagonismo dado á xente para opinar e decidir, ao longo de todo o mandato municipal, as medidas concretas de goberno.

Por outra banda, a existencia dun código ético de obrigado cumprimento por parte de todas as persoas que se candidaten que, entre outras medidas prevé a limitación de mandatos, de soldos dos representantes públicos ou de sometimento a unha continua fiscalización e rendición de contas durante o mandato, é outra das razóns que nos levan a participar activamente da conformación deste a iniciativa cidadá, aberta, participativa e de unidade popular alternativa á vella política e á constante privatización e recortes dos servizos públicos.

Redacción: Compromiso por Galicia de A Estrada

Esta entrada fue publicada en ESPECIAL ELECCIÓNS, Política, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta