No mediodía de onte o alcalde, Xosé López, anunciaba ante os medios de comunicación a decisión do goberno local de levar a cabo a ampliación da alameda, actuación que califica de «demanda histórica do pobo da Estrada». Esta zona verde pasará a dispoñer de 4.506 metros cadrados máis no centro do pobo sumando case 12.000 metros cadrados.
Esta ampliación poderase realizar grazas ao PXOM, sendo esta a primeira actuación pública que se realizará tras a aprobación do plan xeral. Esta actuación supón a expropiación de seis parcelas pertencentes a catro propietarios. Os técnicos municipais xa valoraron esos terreos e o concello xa dispón deses cartos consignados.
O rexedor tamén valora a política económica do seu equipo de goberno grazas a cal se poderá dispoñer de fondos para realizar a urbanización da zona da Baiuca, a realización dun Centro de Día no Novo Mercado, a senda peonil en Matalobos e a mellora da traída de auga para tratar de subsanar os frecuentes cortes.






































