O PP concentra ás areas de lecer e o gasto do PXOM nunha única actuación
O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, fixo hoxe unha valoración do último anuncio do goberno municipal do PP sobre a ampliación da alameda. O concelleiro nacionalista afirma que “é un erro centralizar todas áreas verdes e todas as áreas de lecer nun único
punto como pretende o Partido Popular”.
“O alcalde só pensa nos que viven no centro, non para os que teñen que desprazarse das zonas máis afastadas do casco urbano como pode ser Fernando Conde, a avenida de Pontevedra, a avenida de Santiago, etc”, engadiu Magariños, “nós ese modelo non o compartimos, o BNG aposta por crear varias zonas verdes e de lecer distribuídas por todo o casco para que todo o mundo teña preto unha área deste tipo”.
“Asi mesmo”, explicou o concelleiro do BNG, “concentrar preto de 2 millóns de euros nunha actuación deste tipo é unha grave irresponsabilidade, xa que é obvio, que logo de gastar esta suma na ampliación da alameda, non haberá máis zonas verdes en todo casco urbano nin outras actuacións importantes como aparcadoiros públicos en superficie que permitan eliminar a zona hora e residencial”.
O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, enmarca este novo anuncio do goberno municipal no marco da campaña electoral, “este é un novo anuncio e como tal hai que acollelo con certa prudencia, xa que habendo expropiacións polo medio e moi probábel que a ampliación da alameda prologarase varios anos se non chegan a acordo no prezo cos propietarios dos terreos, e iso aínda está por ver”.
“Por outra parte”, explicou o concelleiro nacionalista, “como xa son poucos os líos xudiciais que perseguen ao PXOM agora o alcalde quere engadir outra posíbel demanda xudicial para acabar de encerellar todo aínda máis”.
Redacción: BNG de A Estrada






































