O BNG denuncia que para o PP a seguridade vial no colexio de Souto de Vea non é prioritaria e a perda de determinados servizos sociais no noso concello

IMG_7944

Para o PP a seguridade vial non é prioritaria

Non hai cartos para un bo acceso ao colexio do Souto de Vea, pero si para un novo campo de fútbol

En días pasados o BNG da Estrada denunciou a parálise que sufría o anunciado aparcamento do colexio Manuel Villar Paramá para garantir a seguridade vial dos nenos e nenas que acoden diariamente ao centro. Oito meses máis tarde sabemos a través dos medios de comunicación que o goberno municipal descarta este proxecto porque o considera caro e busca novas alternativas.

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, declarou a este respecto que “o BNG quere garantir a seguridade dos nenos e nenas do colexio, e neste sentido considera que a mellor opción é a proxectada inicialmente, xa que se afasta totalmente do tráfico da Estrada Portela-Souto de Vea, a saída e entrada dos nenos e nenas no autobús”.

“Polo tanto”, engadiu o concelleiro nacionalista, “insto ao goberno municipal e especialmente ao seu Alcalde a que esgoten todas as posibilidades, antes de decantarse por unha opción definitiva. Neste sentido, e se é unha obra que o concello non pode asumir, o alcalde debería petar nas portas dos seus gobernos amigos para conseguir os cartos necesarios para esta obra que consideramos é importante e prioritaria, máis que o novo campo de fútbol que proxecta construír a Deputación de Pontevedra”.

“Por outra parte”, explicou o concelleiro do BNG, “temos que denunciar unha vez máis que este goberno municipal, co seu alcalde á cabeza, actúa con total e absoluta improvisación, anunciando obras que logo non pode cumprir, algo que se está a converter en tónica habitual neste goberno do Partido Popular, e en priorizar obras que en absoluto son prioritarias”.

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, afirmou que “das declaracións da concelleira Amalia Goldar despréndese que descoñece totalmente cal foi a secuencia dos feitos, e fai as declaracións que fai para salvarlle a cara ao Alcalde”.

“Por iso quero informarlle á concelleira que o Alcalde aceptou a proposta inicial da ANPA, que era facer o aparcadoiro na parte posterior do colexio, metendo as máquinas da Deputación, co conseguinte gasto de cartos públicos que iso supón, sen avaliar antes a viabilidade técnica e económica do proxecto”, explicou o concelleiro nacionalista.

“Neste asunto, como en tantos outros o Alcalde improvisou e saíulle mal”, engadiu o concelleiro nacionalista, “e envía agora á concelleira do ramo a apagar o lume, arremetendo contra o BNG, no canto de buscar unha solución que nós pensamos debe ser a prioridade do goberno municipal, xa que estamos a falar da seguridade dos alumnos do centro”.

“De todos os xeitos, no BNG tampouco nos estraña este desleixo do goberno municipal PP neste asunto en concreto, xa que segundo palabras do Alcalde diante da ANPA e dos veciños do Souto de Vea, os colexios dos rural sáenlle moi caros, non así o novo campo de fútbol de máis dun millón de euros”, afirmou o portavoz municipal do BNG. “Nada novo nun partido político que non ten entre as súas prioridades mellorar a calidade do ensino público”, engadiu Xosé Magariños.

“Por outra parte,”, indicou concelleiro nacionalista, “a concelleira Amalia Goldar debería saber que o BNG non tiña responsabilidades de goberno na área educativa, de telas, podo asegurarlle que agora mesmo non estariamos a falar deste asunto”. “E outra cousa máis”, engadiu Xosé Magariños, “o BNG é o representante dos veciños e veciñas, non do goberno municipal do PP, xa que logo, interesámonos polas cuestións que os veciños nos trasladan, como é este caso, que involucrando á seguridade dos nenos e nenas nos parece prioritario”.

A política do PP en materia de servizos sociais pasa pola caridade e a beneficencia

Non é de recibo gastar máis dun millón de euros nun campo de fútbol mentres se desmantela o servizo de prevención de drogodependencias e se recorta persoal dos servizos sociais comunitarios

A respecto das informacións que apuntan á perda de determinados servizos sociais que viña prestando o concello pola perda de subvencións por parte da Xunta de Galiza, o consello local do BNG quere denunciar en primeiro lugar que o PP quere transformar toda política de prevención e reinserción  social en caridade e beneficencia, retornando a tempos pretéritos que xa supoñíamos que tiñamos superado.

O consello local do BNG quere recordarlle ao Alcalde que os servizos sociais e a promoción e reinserción social son un servizo mínimo para os concellos de máis de 20 mil habitantes, segundo indican os artigos 80 e 81 da Lei de Administración Local de Galiza, ademais das competencias municipais que nesta materia establece a Lei de Servizos sociais de Galicia, polo tanto é obrigatorio a prestación deste tipo de servizos por parte da administración local.

Nunha época na que a agudización das consecuencias da crise fai que as persoas e familias que precisan dos servizos sociais se incrementen cada día, non é de recibo que se acepte mansamente, como se dunha praga bíblica se tratara, a perda destes servizos, asumindo e aceptando a decisión do goberno amigo da Xunta de Galiza.

Se neste contexto socio-económico é incomprensíbel a perda destes servizos, moito máis o é cando o concello ten previsto un incremento dos seus ingresos por mor da subida de impostos e no incremento da Participacións dos Ingresos do Estado, que nestes 2013 incrementaranse en 731.000 euros, un 20% máis que en 2012.

Así as cousas, o BNG non pode deixar de denunciar o desmantelamento programado con premeditación e aleivosía dos servizos sociais e do estado do benestar que está a levar a cabo o Partido Popular, o que terá consecuencias desastrosas para moitos dos nosos veciños e veciñas.

Nestes sentido, desde o BNG da Estrada esiximos unha rectificación nas prioridades de gasto do PP, non é de recibo gastar máis dun millón de euros nun campo de fútbol mentres se recortan os Servizos sociais comunitarios básico e se desmantela o servizo de prevención de drogodependencias, por citar un só exemplo.

 

Esta entrada fue publicada en Política, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta