Magariños “eu non serei un alcalde submiso ou que mira para outro lado, como fai López, mentres o noso sector gandeiro está a sufrir a peor crise da súa historia”
O BNG-Asembleas Abertas da Estrada realizou hoxe o seu segundo acto público de campaña, neste caso foi na parroquia de Toedo.
O candidato á alcaldía, Xosé Magariños, explicou antes os veciños e veciñas que “estamos ante unha zonas da Estrada da maior valor agro-gandeiro e neste sentido, nós os nacionalistas apostamos por un rural vivo, onde se poida vivir e traballar”. “Queremos”, engadiu o candidato, “que se preserven os terreos de especial interese agrario, pero tamén que os veciños e veciñas poidan construír unha casa ou un pequeno taller”. “O BNG non comparte a idea dun rural só para os urbanitas”, afirmou.
Magariños explicou que non “o sector agro-gandeiro, mais concretamente o sector lácteo está a atravesar serias dificultades pola caída dos prezos do leite, por mor dunhas decisións que se tomaron en Europa, pero quero deixar claro, que eu non serei un alcalde submiso ou que mire para outro lado, como fai López, mentres se desmantela o sector gandeiro galego, eu comprométome a loitar coas gandeiras e gandeiros por un prezo xusto para o leite que producen”.
“Eu non quero ser un alcalde que só asfalte camiños, serei un alcalde que estarei ao lado dos meus veciños e veciños, cóbado con cóbado loitando polo seu, que a final de contas é o de todas e todos”, engadiu o candidato nacionalista.
Xosé Magariños tamén debullou parte do seu programa para o medio rural. Así explicou que “de termos responsabilidades de goberno, estabelecermos canles de comercialización en circuíto curto, potenciando a praza de abastos, locais de cooperativas gandeiras e a feira sustentábel como punto de venda directa dos produtos agrarios”.
“Outro dos obxectivos dun goberno de BNG-Asembleas Abertas”, afirmou Magariños, “a de recuperar para uso agrario terras que actualmente están abandonadas ou non se traballan”. “Tamén recuperaremos os sistema de regadío existentes, actualmente infrautilizados ou abandonados”, engadiu, “cousa que xa fixemos na etapa co co-goberno”.
BNG de A Estrada






































