«As cadeiras baleiras de Dono e Mar Blanco no debate de Nós TV amosan que non están á altura do que demandan os estradenses», apunta o candidato popular
«Éncheselle a boca falando de transparencia e rexeneración, pero á hora de dar a cara buscan escusas peregrinas e de mal pagador», engade
José López salienta que «a valentía política amósase participando en debates e non insultando, nun dos seus excesos de chispa, a máis de 1.200 persoas»
O candidato do Partido Popular á reelección como alcalde da Estrada, José López Campos, lamenta publicamente a «covardía política» do candidato socialista, José Antonio Dono, e da candidata de Móvete, Mar Blanco, por «fuxir dun debate televisado» para confrontar as súas ideas e o seu proxecto político coa totalidade dos candidatos á Alcaldía estradense.
José López considera que «a imaxe das cadeiras baleiras deixadas na noite de onte por Dono e Mar Blanco no debate de Nós TV amosa que non están á altura do que demandan os estradenses, que quedaron con gañas de ver debatir ao representante do principal grupo da oposición». «Éncheselle a boca falando de transparencia e rexeneración da política, pero á hora de dar a cara buscan escusas peregrinas e de malos pagadores», engade.
Ao respecto, o candidato popular lembra que José Antonio Dono hai oito anos si participou nun debate televisado en Dez TV: «igual agora non quere porque foi perdendo facultades, ou non confía en si mesmo ou non ten ideas e un proxecto político que defender». «A valentía política amósase participando en debates e non insultando nin descalificando, nun dos seus excesos de chispa, ás máis de 1.200 persoas que asistiron o pasado sábado ao mitin do PP», replicoulle José López tras recibir por diferentes vías a información de que José Antonio Dono nos seus mitins compara aos simpatizantes do PP con «ovellas» e «borregos».
«Que non lle entre ao trapo ás reiteradas descalificacións contra a miña persoa non quere dicir que lle vaia consentir esa falta de respecto ás máis de 1.200 persoas que nos acompañaron no mitin central, entre as que, por certo, había xente de diferentes ideoloxías políticas que acudiron libremente; non coaccionadas, como fan outros», advertíu López. Nembargantes, admitíu que non espera «unha disculpa» do señor Dono porque «iso sería comportarse dun xeito diferente a como o leva facendo nos últimos catro anos».
Partido Popular da Estrada






































