En representación da Asociación Rapa das Bestas, Rubén Díaz e Iván Sanmartín coincidiron á hora de salientar que dende a primeira hora de hoxe «o clima acompañou moito» para subir ao monte a buscar as bestas. De feito, cifraron en máis de 150 o número de persoas que subiron ao monte, entre aloitadores, veciños de Sabucedo, visitantes e profesionais gráficos de medios de comunicación de países como Bélxica, Portugal, Alemaña, Dinamarca, Polonia, Arxentina, Colombia ou Suecia.
En canto ao traballo de xuntanza das bestas, cifraron en arredor de 400 o número de reses reunidas no peche para baixalas mañá, arredor das 12.00 horas, ao recinto situado preto do Campo do Medio, antes de que comece o primeiro curro, previsto para as 19.00 horas.
Por outra banda, o ritmo de venda de entradas on line acelerouse nos últimos dous días e lévanse vendidas preto de 700, ás que hai que sumarlle as vendidas no teleclub.
Cómpre lembrar que as entradas mercadas on line dende a web da Rapa das Bestas poderanse recoller mañá durante todo o día tanto para o curro de mañá ás 19.00 horas como para o do domingo ás 12.00 horas. Ademais, tamén se porán á venda as entradas que quedan dispoñibles nas taquillas do curro (o prezo das entradas é de 10 euros para os adultos e de 5 euros para os nenos de 5 a 12 anos de idade).
En canto ao curro do luns, que é de carácter benéfico a prol da Asociación Española Contra el Cáncer (AECC), o prezo das entradas é de 5 euros para os adultos e de 3 euros para os nenos de 5 a 12 anos de idade.
Finalmente, lémbrovos que a partires das oito o Concello da Estrada e a Asociación Rapa das Bestas ofrecerán un ágape aos profesionais dos medios de comunicación acreditados, baseado en produtos típicos producidos na Estrada: sidra, empanada, queixo e pinchos de salmón. A estas horas de hoxe levamos acreditado 152 profesionais da comunicación procedentes dunha quincena de países. Destaca tamén a cobertura televisiva que terá nas principais canles de TV autonómica e nacional, posto que desprazarán unidades móbiles esta fin de semana a Sabucedo a TVG e tamén TVE, Antena 3, Telecinco e Cuatro, ademais de varias axencias de tv.






































