As infraestruturas deportivas teñen que construírse en terreos públicos para que estean ao alcance de todas e todos
No día de hoxe o goberno municipal do PP anunciou nos medios de comunicación local a intención de construír unhas pistas de atletismo nas instalacións do colexio privado de Lourdes.
No BNG coñecemos perfectamente a necesidade que hai dunhas instalacións deste tipo na Estrada. De feito, o noso concelleiro, Xosé Magariños, denunciou en reiteradas ocasións o abandono das pistas que aínda hai hoxe na vila, as do estadio da Baiuca, que proximamente serán destruídas para dar paso a outro tipo de infraestruturas.
Por outra parte, tamén somos conscientes da demanda existente de instalacións para a práctica de atletismo, un deporte que goza de enorme popularidade, porque está ao alcance de todo o mundo. En numerosas ocasión o noso concelleiro demandou tamén o arranxo das pistas da Baiuca, que pola súa proximidade ao casco urbano tiñan unha situación ideal para a práctica deste deporte.
Aínda compartindo a necesidade deste tipo de infraestruturas deportivas *baixo ningunha circunstancia aceptaremos que o concello constrúa unhas pistas de atletismo nas instalacións dun colexio privado*. É un despropósito absoluto que unha administración pública constrúa unhas infraestruturas deportivas nun colexio privado. Se o colexio de Lourdes quere unhas pistas de atletismo que as pague do seu peto. Xa sería o colmo que o concello constrúa pistas de atletismo nun colexio privado mentres os centros públicos de ensino carecen delas, tendo que facerse -ademais- cos custes do seu mantemento.
Descartada a posibilidade de recuperar as pistas da Baiuca polo próximo derrube do estadio, o goberno municipal do PP ten que buscar unha ubicación para esta infraestruturas deportiva, pero sempre en terreos públicos para que o seu uso de desfrute estean ao alcance de todas e todos, sen necesidade de pasar ningún filtro privado.
BNG de A Estrada






































