O Pleno extraordinario do pasado xoves 31 de xaneiro, pleno no que se debatían os Orzamentos Municipais 2013, rematou sendo un exercicio máis de falta de democracia capitaneado polo Sr. Alcalde, José López Campos..
Unha vez máis durante esta lexislatura o Sr. López Campos amosou que non lle gusta que os representantes da oposición no Concello desvelen os datos reais que hai detrás dos seus enganos á cidadanía. Para tentar calar a voz da oposición, unha vez pechados os turnos de intervención dos portavoces dos distintos grupos, o Alcalde decidiu facer uso impropio da súa posición como moderador do Pleno para abrir novamente o debate, iso si, sen dereito a intervir por parte da oposición, e nunha intervención na que se autoinvestiu xuíz en poder da verdade absoluta vilipendiar á oposición.
Ao longo do debate sobre os orzamentos quedaron de manifesto as incoherencias do PP local á fronte do goberno, mentres falan de aforro e recorte de gasto na prensa, o orzamento recolle subida de impostos (1,5 millóns en 2 anos), incremento de 667.000 destinados a compra de bens, servizos e suministros (material de oficina, publicidade e propaganda, vestiario, gastos protocolo, festas varias,…). Reflexouse que dende que o Sr. López Campos é alcalde o Concello da Estrada incrementou os gastos correntes en 1 millón de euros.
A defensa dos orzamentos en nome do goberno municipal foi exercida durante o debate plenario polo seu Portavoz, tenente de alcalde e Concelleiro de Facenda, Sr. Blanco Carradedo. Non obstante o Sr. López Campos non se debeu de sentir representado polas súas palabras, ou simplemente cree que non se atopa capacitado para tal papel –xa non é a primeira vez que emprega esta estratexia- e nunha clara falta de respecto total e absoluto aos principios democráticos e aos dereitos dos grupos da oposición, aproveitou a súa posición como Presidente para pechar o Pleno coa súa propia versión do Orzamento, deixando ver unha vez máis as ansias de fachenda coas que habitualmente busca converter en titular as súas intervencións, non dubidando para iso en descalificar aos membros da oposición.
Nesta lexislatura, os abusos continuos de Alcalde José López como Presidente do órgano plenario están a conculcar os dereitos da oposición e a transgredir o moralmente aceptable, violando os principios democráticos de representación.
PSdeG PSOE de A Estrada






































