Aínda que coñecemos a sentenza polo que sae reflectido nos medios de comunicación, o proxecto da Cidade do Moble cae por erros na tramitación administrativa, non porque supoña un perigo medioambiental para o entorno do Val do Liñares como sostiñan algúns colectivos. Agardamos que esta sentenza non sexa o preludio doutra que anule o PXOM, que tamén ten defectos de tramitación administrativa, tal e como denunciamos no BNG.
Respectamos a sentenza xudicial, pero non deixa de supoñer un mazazo importante, non só para o sector do moble, senón para o revulsivo económico que podía chegar a ser a Cidade do Moble, así como de xeración de emprego.
Neste sentido cómpre unha explicación por parte da Xunta de Galiza, responsábel da aprobación deste proxecto, polos erros cometidos durante a tramitación do proxecto. Non se entende que sexa a propia administración a que incumpre os trámites burocráticos dos que se dota.
Por outra parte, instamos ao goberno municipal do PP a explicar que medidas pensa tomar para sanear a zona do Liñares, onde se asentaron todo tipo de empresas sen ningún tipo de control por falta de solo industrial no noso concello. Hai que ter en conta que o proxecto da Cidade do Moble contempla a integración e legalización das instalacións destas empresas dentro do polígono dotándoo cunha depuradora propia.
Se finalmente se confirma que o proxecto da Cidade do Moble pasa a mellor vida esixiremos ao PP medidas para sanear a zona, así como alternativas económicas para o sector do moble.
BNG de A Estrada






































