O novo campo de fútbol non é unha boa xestión para o Concello, é unha hipoteca de por vida.

Valoración PSOE presuposto 2013No Concello da Estrada o número de persoas desempregadas atópase nos niveis máis elevados da nosa historia, xa son 2393 as persoas en paro; cada día máis comercios pechan e moitas das empresas locais que subsisten teñen problemas para chegar a fin de mes. Fronte a esta realidade dende o Concello o Alcalde López Campos adica todos os seus esforzos a xustificar a súa decisión de gastar 1.300.000 euros en construír un novo Campo de Fútbol.

“Se xa é un despropósito en si gastar máis de 1 millón de euros en construír un novo campo de fútbol, o que xa roza o esperpéntico son as xustificacións do Sr. López Campos”, declarou a portavoz socialista.

O Alcalde fai propaganda barata cando califica a reversión de parte dos terreos da AGASP como un éxito debido a súa boa xestión política. A reversión por parte da Xunta de Galicia é resultado da aplicación de unha previsión legal que indica que se transcorridos 5 anos dende a cesión non se teñan empregado para a finalidade acordada pódese requirir a súa devolución. Non debemos esquecer que os terreos foron obxecto de expropiación aos particulares cunha finalidade concreta, e que esta non se ten realizado, polo que este incumprimento por parte da Xunta é o que habilita a posibilidade de reversión.

López Campos non só fai propaganda barata, senón que minte cando fala de coste cero para o Concello. A cesión dos terreos para a construción da Academia de Seguridade Galega recollía unha serie de posibilidades para os veciños da Estrada, sen coste algún para as arcas municipais. Entre estas posibilidades atopábase o dereito a utilizar a piscina climatizada. Agora,  por obra e gracia das nefastas xestións do actual Alcalde, existe un acordo Concello-Xunta no que se vincula a recuperación dos terreos cun pago de 21.000 euros anuais por parte do Concello, argumentando que é para garantir que a piscina se atope a disposición dos veciños e veciñas da Estrada. “Esto é o auténtico éxito do Sr. López Campos, que o Concello teña que pagar por un servicio que obtiña de xeito gratuíto”.

Ao igual que minte cando trata de vincular o desenvolvemento no PXOM dun vial verde de conexión entre a malla urbana e as instalacións da AGASP, zona deportiva, recinto feiral e os institutos coa operación urbanística decidida polo actual goberno de construción dun novo campo de fútbol. A conexión do solo urbano e os espacios dotacionais referidos foi deseñada no 2009 como un eixo vertebrador para A Estrada, ronda Sur, que permitirá o encaixe sustentable da malla urbana cos solos non urbanizables. O desenvolvemento da ronda Sur nada ten que ver con gastar 1,3 millóns de euros nun campo de fútbol novo, nin implica que se vaia realizar, o vial que leva aparellado nin os parques contemplados a pesar de que si se gasten os cartos de todos no campo de fútbol.

Falta de coordinación no goberno municipal.

No mes de decembro era o propio Alcalde o que dicía en prensa que as obras do novo Campo de Fútbol comezarían antes de fin de ano (2012), agora o seu portavoz municipal xustifica a urxencia de levar ao Pleno o expediente de reversión para acelerar a execución das obras, “Algo pasa no Concello, ou o Alcalde pretendía comezar as obras con tal urxencia que estaba disposto a facelo sen ter concluído o expediente, ou ao Portavoz Municipal a urxencia lle chega 2 meses máis tarde que ao Alcalde”

PSdeG PSOE de A Estrada

Esta entrada fue publicada en Política, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta