Este domingo A Estrada celebra a XLIII Festa do Salmón

Cartel festa do salmonA Festa do Salmón da Estrada, que celebra o domingo 15 de maio a súa cuadraxésimo terceira edición, é un dos eventos gastronómicos máis relevantes de Galicia e un dos principais atractivos turísticos do Concello da Estrada.

A súa celebración foi promovida na década dos 70 polo Centro de Iniciativas e Turismo (CIT) da Estrada para pór en valor a tradición salmoneira deste municipio nunha dobre vertente: por unha banda, a tradición da pesca do salmón nos fértiles coutos locais do río Ulla e, por outra, a tradición gastronómica da preparación do “rei do río” nos restaurantes locais, que se fixeron acredores dunha merecida reputación.

A Festa do Salmón da Estrada celebrou a súa primeira edición o 2 de xuño de 1974 e no ano 2013 foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.

Desde a súa instauración, este evento foi incorporando ano a ano “ingredientes” culturais,
deportivos e gastronómicos que enriquecen a súa programación e que a converten nunha
cita ineludible para milleiros de visitantes cada terceiro domingo do mes de maio: o pregón, a entrega dos Salmóns de Ouro, o Concurso Internacional de Pesca do Salmón, a RutaDegustación de Tapas de Salmón, competicións deportivas, etc.

A PREGOEIRA: Ofelia Rey Castelao

pregoeiraA elección dun persoeiro de recoñecido prestixio para ofrecer o pregón o día central da festa no Teatro Principal (nesta ocasión o domingo 15 de maio, ás 12.00 horas) é un dos “ingredientes” fixos da Festa do Salmón.

Desde que en 1974 o historiador e escritor Xosé Fernando Filgueira Valverde pronunciara aquel primeiro pregón, na relación de ilustres persoeiros sucedérono, por exemplo, os escritores Álvaro Cunqueiro, Camilo José Cela, Alfredo Conde e Xosé Neira Vilas; os xornalistas María Fernández Rey, Diego Bernal, Javier Sánchez de Dios e Marga Pazos; ou os médicos Agustín Sixto, José Ignacio Carro Otero ou Ramiro Varela.

Nesta ocasión, o Centro de Iniciativas e Turismo da Estrada seleccionou como pregoeira da XLIII Festa do Salmón á catedrática de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela Ofelia Rey Castelao (1956), que é natural da parroquia estradense de Arnois.

Ofelia Rey Castelao atesoura unha dilatada traxectoria como docente na USC, que
compaxina desde 1978 cunha intensa actividade investigadora sobre a historia rural, económica e da emigración de Galicia. Ademais, ten publicado máis dunha ducia de libros e colaborado con artigos propios en deceas de publicacións.

 

Esta entrada fue publicada en Festas, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta