Nota do BNG sobre o PXOM

O Alcalde apela ao consenso, pero non quere que os veciños e veciñas participen dese consenso.

*As présas en aprobar o PXOM deixarán o noso urbanismo nun estado caótico e nun estado de indefensión total ante calquera impugnación xudicial.

*A secretaria accidental que ditaminou favorabelmente o PXOM forma parte da executiva local do PP.

*O Alcalde da Estrada apela ao consenso das tres forzas políticas para aprobar o Plan Xeral, pero o Sr. Campos esquece que o consenso teno que alcanzar co pobo da Estrada, e sen exposición pública a súa proposta cae en saco roto.

*Malia que o BNG ten denunciado en reiteradas ocasións a urxencia de dotármonos dun Plan Xeral, é absolutamente incompresíbel que o grupo de goberno se empeñe aprobalo sen o coñecemento e sen a participación mediante alegacións dos veciños e veciñas da Estrada, o que, sen dúbida, rematará nunha impugnación xudicial, que deixará o noso urbanismo nun estado caótico e deixará nun estado de indefensión total a aqueles veciños e veciñas que decidan iniciar algún proxecto construtivo nos próximos anos.

*Neste sentido resulta cando menos sospeitoso que o Alcalde aproveite as vacacións do secretario titular do concello para nomear unha secretaria accidental, que non ten a categoría laboral acaida nin experiencia, no canto de recorrer ao técnico xurídico de urbanismo, que era o que habitualmente substituía as ausencias do titular.

*Mais, sen cuestionar a validez legal do ditame da secretaria accidental, un ditame favorábel, como non podía ser doutro xeito, ao tratarse dunha persoa da plena “confianza” do Alcalde, si temos que cuestionar a súa validez política, xa que esta persoa forma parte da executiva local do PP da Estrada, que, obviamente, é parte política interesada.

*E por outra parte, o PP ten a manía en abrumarnos con números e estatísticas sobre o número de vivendas que se poden construír con este novo Plan Xeral, como fixo onte o concelleiro Alberto Blanco, mais a sensación que hai no rural e á vista dos planos que puidemos analizar, hai un claro afogamento da capacidade construtiva do rural, onde nin sequera se respectaron os compromisos de construción rexistrados no PXOM de 2010.

Esta entrada fue publicada en Política, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta