Fotografía: Iria Eiras
O grupo socialista lamenta o bochornoso espectáculo ofrecido polo Alcalde José López Campos durante o pleno extraordinario no que se tratou a aprobación do PXOM. Unha vez máis, pois xa o temos denunciado publicamente en ocasións anteriores, as actitudes e os abusos que exerce o Sr. López Campos dende o seu posto de Alcalde coartan a democracia na Estrada.
A elaboración por parte do Secretario Titular do Concello de un informe desfavorable sobre o documento de PXOM presentado polo Sr. López Campos, fixo que o Alcalde non dubidase durante o Pleno de onte en vilipendiar a este traballador municipal. En diversas ocasión o Secretario foi acusado polo Alcalde e o Sr. Blanco Carracedo, portavoz do PP, de entorpecer os traballos municipais, de realizar informes tendenciosos, e mesmo de negarlle e retirarlle a palabra en varias ocasións.
O que semella ao fío do acontecido é que como o Sr. López Campos non logrou que o Secretario Titular informase favorablemente o seu documento de PXOM non dubidou ningunear e puentear o traballo deste funcionario, que non debemos esquecer que como Secretario Titular é o encargado de velar polo cumprimento da legalidade no Concello da Estrada.
Os socialistas entendemos que o Alcalde debe respectar o traballo do persoal aos servizo do Concello, neste caso o do Secretario Municipal, e manter as formas, pois ao final é o xefe de persoal e non pode usar ese posto para impoñer o seu criterio sen atender a razóns legais. E dende logo non se pode consentir que o Concello da Estrada como institución se atope en boca dos cidadáns polas formas autoritarias do seu Alcalde-Presidente, que os socialistas condenamos e rexeitamos apelando ao diálogo.
Redacción: PSdeG PSOE






































