O grupo municipal socialista presentou no día de onte por Rexistro no Concello unha moción que defenderá na próxima sesión plenaria. Esta moción insta ao Goberno central a prorrogar, como mínimo, por seis meses a vixencia do Programa PREPARA. Dito programa aporta unha paga de 400 euros mensuais a desempregados que esgotaron a súa prestación, e que pasan entón a un programa de recualificación profesional para tratar de mellorar as súas posibilidades de acceso a un emprego.
A moción, rexistrada polo grupo municipal do PSdeG-PSOE, lembra que na actualidade dependen da axuda asociada ao programa moitas persoas desempregadas e que coa desaparición do mesmo serían moitas máis as que “quedarían sen protección ningunha nos próximos meses, e en risco de caer en exclusión social”. Ao mesmo tempo, esa situación levaría a “incrementar o número de solicitantes da RISGA-Renda de Integración Social de Galicia-”, argumentan os socialistas.
“As medidas aplicadas polo PP en materia de emprego o único que están a conseguir é un incremento no número de persoas paradas, ao tempo que as coberturas por desemprego baixan”. Por tal motivo, esta proposta pasa porque se incremente “en polo menos seis meses máis” a prestación “a partir de febreiro”, data na que en principio chegará ao seu fin o programa PREPARA.
Para o grupo socialista, a continuidade do programa é “absolutamente necesaria”, pois ata agora “ten demostrado a súa eficacia y mellorou a empregabilidade de máis de 450.000 personas en situación de desemprego”. Este Plan apóiase nunha combinación de medidas activas de orientación, formación e recualificación, ao tempo que facilita unha axuda de renda á persoa desempregada.






































