Ante a gran acollida do ciclo de teatro infantil do Nadal, o departamento de cultura da Estrada, da man de Juan Constenla, deu a coñecer onte un novo programa de actos dirixidos os máis cativos. Os espectáculos terán lugar todos os primeiros sábados de mes, dende febreiro a xuño, ás 12:00 horas no teatro principal.
As entradas poderán adquirirse unha hora antes na billeteira do teatro cun prezo de 3,50€.
Gravación e redacción: Iria Eiras
PROGRAMA DE ACTOS
Sábado 2 de Febreiro: «Ne me quitte pas» da compañía O Retrete de Dorian Gray (+ 3 anos)
É un espectáculo onde os personaxes son glogos, sombreiros e distintos obxectos, manipulados polos dous protagonistas. A Compañía percorreu con esta obra os máis prestixiosos festivais nacionais e internacionais.
Sábado 2 de Marzo: «Pío» da compañía Caramuxo Teatro (+ 3 anos)
Este espectáculo mestura o teatro de actor e o teatro de títeres. Unha historia chea de humor e ternura para toda a familia, que nos conta a historia de Pío, un pequeno paxaro que nace só no medio do bosque.
Sábado 6 de Abril: «Fíos» da compañía pontevedresa Boabab Teatro (+ 5 anos)
Este é un espectáculo de títeres e actores que tece palabras, enfía contos, calceta historias e cose puntada a puntada cada nota de música. Un espectáculo que irradia tenrura e poesía a mancheas.
Sábado 4 de Maio: «Osiño» da compañía de Títeres Trompicallo (+ 3 anos)
A obra conta a vida dun osiño nun anaco de bosque, que se ve transformado coa chegada das distintes estacións. Sen lugar a dúbidas, unha das mellores compañías de títeres de toda España.
Sábado 1 de Xuño: «Zapatos» da compañía Caramuxo Teatro (1-4 anos)
A compañía coruñesa volve á Estrada cun espectáculo que engaiolou hai pouco máis dun ano, na vila, a nenos e maiores. «Zapatos» narra todas esas historias que levan dentro os zapatos que xa non teñen dono.
Departamento de Cultura do Concello de A Estrada






































