Vídeo Promocional A Estrada
Na Xornada de onte Óscar Rancaño, concelleiro de Turismo, presentou unha guía e un vídeo nos que se destacan os atractivos do concello estradense. Segundo nos explica o edil, tratase de destacar aspectos máis importantes da nosa terra e as nosas xentes, como a artesanía, deporte, tradicións, gastronomía, paisaxe e cultura.
A guía conta con dous mapas, un do concello e outro do casco urbano onde aparecen puntos de interese. O vídeo foi elaborado pola produtora estradense “Producciones Trípode”, os seus creadores Pedro Pérez e Fernando López percorreron durante o pasado ano as terras estradenses para poder resumir en 4 minutos os mellores momentos do noso concello, as tradicións como a rapa das bestas ou os Xenerais do Ulla, lugares emblemáticos como o Pazo de Oca ou as rutas do románico e a gran riqueza natural de A Estrada.
Tanto as guías como os vídeos serán distribuídos polos locais de hostalería e puntos de información turística. De cara o futuro próximo o departamento de turismo do concello está traballando en ampliar a gama de información de cara o turismo. Intentarán dunha forma profesional a elaboración dun plan de desenrolo turístico serio en A Estrada, para o cal están intentando conseguir financiación das diferentes administracións.
Os hostaleiros que queiran dispoñer deste material poden recollelo nas dependencias da concellería de turismo os luns pola mañá.
Gravación e Redacción: Iria Eiras