O recente anuncio do goberno municipal retrasando o programa de actividades no rural demostra unha vez máis a pésima xestión á fronte da administración local do grupo de goberno. A cancelación do inicio das actividades na data prevista (12 sesións entre marzo, abril e maio) é causa da falta de tramitación do expediente de contratación das empresas que deben impartir ditas actividades.
O programa de actividades no rural naceu en 2010 e ofertouse dende entón todos os anos a todas as parroquias da Estrada. A convocatoria para 2013 deste programa foi comunicada a comezos de febreiro, marcando como prazo límite para a inscrición o día 22 do mes, e días despois as persoas interesadas recibiron unha comunicación instándoas a facer efectivo o ingreso económico que deben cofinanciar para participar en dito programa, sendo o último día o 15 de marzo. Unha vez rematado o prazo do ingreso é cando se fai público que as actividades se retrasan ata novo aviso.
Resulta totalmente desconcertante a xestión realizada polo grupo de goberno, cobran aos veciños por unha actividade e comunícanlles unha data de inicio sen ter realizado o expediente legal que permita executar ditas accións. A día de hoxe o expediente de contratación dos monitores que deben impartir as actividades non está realizado. Semella que o goberno local tiña intención de facer a contratación mediante adxudicación directa, ignorando a regulamentación sobre contratos públicos.
O retraso implicaralles dificultades aos veciños e veciñas para asistir ás actividades.
Unha vez máis veciños e veciñas saen prexudicados pola irresponsabilidade e a ineficacia do goberno municipal de López Campos. O retraso no inicio implicará que as sesións do programa, no mellor dos casos, se realicen ata finais de xuño, época na as persoas inscritas teñen maiores dificultades para acudir a elas, ben polos traballos a realizar no campo, ben por dificultades de conciliación familiar e laboral.
Redacción: Agrupación Socialista de A Estrada






































