O concello da Estrada publicou hoxe a lista de nenas e nenos admitidos na gardería pública e unha vez máis 46 cativos quedan fóra por falta de prazas. O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, afirmou que “esta é unha mostra máis de que na A Estrada idílica que nos debuxa o PP no seu boletín é iso, unha ilusión, xa que logo vemos que os meniños non poden acudir a unha escola infantil pública e as súas nais e pais teñen que pagar unha privada se queren compatibilizar a súa vida laboral e familiar, co esforzo económico que iso supón”.
“Pero isto non é nada novo”, engadiu o concelleiro do BNG, “xa o ano pasado pasou o mesmo, e levamos así desde 2002, e aínda que se ampliou en 2006 o problema non se solucionou, xa que a demanda de prazas supera ampliamente a oferta”.
“A solución pasa obviamente por unha nova gardería municipal nunha nova ubicación, desde logo mellor que a actual, pero segundo a concelleira de servizos sociais non hai cartos, mais si os hai para un novo campo de fútbol, que custará máis de 1.200.000 euros, que é obvio que non é tan urxente nin tan importante como ter unha nova gardería pública”, afirmou o concelleiro nacionalista.
“Como xa subliñamos no seu momento, A Estrada perdeu a oportunidade de ter unha nova gardería municipal ao non executarse a Cidade do Móbel no seu momento, que si contaba con esta infraestrutura no proxecto inicial elaborado polo BNG”, explicou o concelleiro nacionalista, “pero o PP paralizou sine die este polígono sectorial importante, -eles saberán os motivos-, o que sabemos todos os estradenses é que non se crearán empregos, non haberá unha maior actividade económica no sector do móbel, e o que nos importa neste momento, non haberá nova gardería municipal”.
BNG de A Estrada






































