A eliminación dos partidos xudiciais que quere facer o PP, fará unha xustiza máis austera, pero tamén máis inxusta.
Non á fumigación de herbicidas nas nosas estradas
O BNG entende que este tipo de prácticas son prexudiciais para a saúde e o medio ambiente, e pide que se substitúan por técnicas alternativas menos agresivas como as rozas mecánicas selectivas que respecten as especies autóctonas, os cultivos, as augas e o medio ambiente.
O BNG da Estrada ten constatado que as administracións publicas, en concreto o Ministerio de Fomento, está a usar herbicidas no noso concello para eliminar a vexetación que medra nos cómaros dos viais, en concreto na N-640 que pasa pola Estrada. Ao noso entender, estas fumigacións prexudican gravemente os cultivos, as augas e o medio ambiente.
Tanto organizacións ecoloxistas como produtores agrarios denunciaron en moitas ocasións esta práctica por constituír un atentado contra o medio ambiente, xa que prexudican os cultivos e danan tamén as augas, porque os taludes laterais das estradas serven para canalizar as augas pluviais co cal os herbicidas son transportados aos ríos.
Por exemplo, o Ministerio de Fomento emprega un herbicida co potente MCPA que ten efectos prexudiciais nas colleita dos nosos agricultores, que para contrarrestar uns efectos que poden alongarse até dous anos, labregas e labregos teñen que realizar un gasto extra para aplicar un tratamento intensivo nos seus cultivos para impedir a acción dunha substancia que xa parou o medre de moitas vides.
O BNG da Estrada rexistrou unha moción para que no noso concello en particular, pero tamén en toda Galiza, deixen de utilizarse este tipo de produtos nocivos para o medio ambiente, e se empreguen técnicas alternativas menos agresivas como as rozas mecánicas selectivas que respecten as especies autóctonas, os cultivos, as augas e o medio ambiente.
A eliminación dos partidos xudiciais que quere facer o PP, fará unha xustiza máis austera, pero tamén máis inxusta.
O BNG vén de rexistrar unha moción no concello na que se solicita o apoio de todas as formacións políticas da corporación á proposta do Ministerio de Xustiza para estabelecer un único partido xudicial en cada capital de provincia, eliminando así os partidos xudiciais das cidades e vilas de importancia.
O Goberno do PP no Estado baralla unha reforma da Demarcación de Planta que ten como previsión na Galiza un único partido xudicial por provincia, propondo un modelo en que todos os partidos xudiciais se suprimirían para os concentrar nas capitais de provincia.
Esta reforma preténdese facer sen interlocución con axentes sociais e institucionais e decántase por un modelo provincial, que faría desaparecer todos os partidos xudiciais de ámbito inferior para os concentrar na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, ademais de desprazar as segundas instancias ao Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, afastando así a
administración de xustiza da cidadanía. E faino na liña utilizada coa súa proposta de reforma da administración local: reforzar as provincias, cando se trata dunha realidade territorial superada polos cambios demográficos e institucionais nas últimas décadas.
De se aplicar unha reforma neste sentido, as consecuencias serían moi prexudiciais para a cidadanía: afastamento da xustiza, encarecemento e inaccesibilidade a un servizo público básico. O PP pretende afondar en impedir aínda máis o acceso á xustiza que comezou coa implantación de taxas xudiciais regresivas.
De ir adiante esta proposta, cidades como Vigo, Ferrol ou Santiago de Compostela, ou vilas e concellos de dimensións relevantes que son cabeceiras de comarca veríanse privadas de contar cun partido xudicial, o cal provocaría un auténtico caos e empeoraría o servizo á cidadanía. A xustiza encareceríase, sería menos accesíbel, e obrigaría as persoas afectadas a continuos traslados a capitais de provincia coas consecuentes perdas de tempo, desembolsos económicos e demais trastornos. Por exemplo, no caso da Estrada, teríamos que desprazármonos a Pontevedra, co gravoso que iso sería para os petos dos nosos veciños e veciñas.
O BNG é contrario a unha reforma desta envergadura porque empeoraría a xustiza na Galiza, cando é evidente que o camiño non é o da redución de xulgados. De feito, precísanse máis xulgados, mesmo unha revisión da demarcación da planta xudicial que teña en conta os cambios demográficos habidos nas últimas décadas para que se implanten sobre todo novos xulgados en cidades e vilas que experimentaron aumentos poboacionais significativos.
O centralismo, como vemos, non é o camiño adecuado para mellorar o servizo público de xustiza. O monopolio do Estado non pode obviar que este servizo ha de estar relacionado con outras administracións e institucións, e que mesmo a dotación de medios materiais depende nunha parte importante, no noso caso, da Xunta de Galiza. Por iso, para que a administración de xustiza estea mellor coordinada con outras estratexias de reforma e mellora administrativa, debe camiñarse cara á transferencia da competencia sobre a
demarcación e planta xudicial a Galiza.
Ao taxazo xudicial e á pretensión de reformar os Rexistros Civís, que auguran o rumbo privatizador do goberno do PP no Estado, hai que lle acrecentar agora esta nova agresión ao dereitos dos galegos e das galegas a un servizo público fundamental como é a xustiza.
BNG A Estrada






































