Ao mediodía de onte representantes dos partidos políticos estradenses acompañados de funcionarios e veciños acudiron á concentración silenciosa convocada en todos os concellos polas vítimas do accidente ferroviario de Santiago de Compostela.
Todos os presentes gardaron 5 minutos de silencio na Praza da Constitución, diante da Casa Consistorial coas bandeiras a media hasta, en sinal de duelo polos falecidos.
Previamente o alcalde, Don Xosé López, facía lectura do seguinte comunicado:
Reunidos no Concello da Estrada representantes dos grupos políticos con representación na Corporación Municipal, toman a decisión por unanimidade de sumarse hoxe ás distintas iniciativas que percorren Galicia en relación ao tráxico accidente de tren ocorrido antonte en Santiago de Compostela.
En primeiro lugar queremos trasladar, o noso máis sentido pésame aos familiares das persoas falecidas, e desexarlles aos máis de cen feridos unha pronta recuperación.
Así mesmo, queremos anunciar que como decretou onte o Consello Extraordinario da Xunta de Galicia, a vila gardará sete días de loito oficial durante os que as bandeiras do consistorio ondearán a media hasta.
Esta corporación municipal tamén quere ter unha sentida lembranza para todos os efectivos dos equipos de emerxencia, Protección Civil, bombeiros, corpos e forzas de seguridade do estado, asi coma persoal sanitario; e para todos aqueles veciños e veciñas que con risco das súas propias vidas acudiron a botar unha man aos feridos, e agradecer o bo papel levado a cabo polo servizo de emerxencias e protección civil do noso concello.
Por último, como mostra de dó e en recordo dos falecidos, gardaremos cinco minutos de silencio.
[embedplusvideo height=»388″ width=»640″ editlink=»http://bit.ly/13l4jEb» standard=»http://www.youtube.com/v/Q91wO6Xf-vk?fs=1&hd=1″ vars=»ytid=Q91wO6Xf-vk&width=640&height=388&start=&stop=&rs=w&hd=1&autoplay=0&react=0&chapters=¬es=» id=»ep4951″ /]
Redacción, Gravación e Fotografía: Iria Eiras





































