O pasado luns o alcalde Xosé López recibiu en A Estrada ao presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e ao Delegado Territorial da Xunta en Pontevedra, Xosé Manuel Cores Tourís. Acompañados de membros da corporación municipal e da construtora que está realizando o novo campo de fútbol comprobaron o estado das obras do estadio que pretenden inaugurar a comezos de outubro.
López e Louzán falaron sobre a necesidade de mellorar as estradas da Avenida de Pontevedra e a Rúa da Cultura como circunvalación do pobo, sobre todo transitada polo tráfico pesado, en nun futuro proporcionarlle un mellor acceso ao novo estadio.
Posteriormente desprazáronse ata a parroquia de Santo André de Vea onde inauguraron o acondicionamento da estrada que une Portela con Souto de Vea, unha obra demanda dende hai anos polos veciños e usuarios da vía debido a gran cantidade de tráfico que transita por ela e ao mal estado do firme.
O rexedor estradense agradeceu a colaboración veciñal durante as obras e as facilidades que deu a empresa que realizou a mellora da estrada para dar o mellor servizo aos veciños. Pola súa parte o presidente da Deputación secundou os agradecementos e anunciou que agora teñen previsto acometer en colaboración co concello a mellora da estrada entre Liñares e Valboa.
Na parroquia de Santo André de Vea tamén se realizaron beirarrúas para maior seguridade dos viandantes. Ao acto tamén asistiron o alcalde de Cuntis e veciños da zona.
Redacción: Iria Eiras
Gravación: Adrián Eiras
Fotografías: Mariana Dono e Iria Eiras






































