VI Foliada de Música Tradicional en Ouzande

cartel fervenza de músicas 2013 contA AC A Fervenza de Ouzande presenta a sexta edición da FERVENZA DE MÚSICAS, dirixida especialmente á promoción e divulgación da nosa música, tal como ven facendo desde a súa fundación, a través do desaparecido festival Músicas da Terra, ata 2007, ou coas clases de música tradicional que se desenvolven no local social de Ouzande, e nas que no curso pasado participaron máis de 60 persoas de todas as idades.

A iniciativa, xa consolidada nestes cinco anos anteriores, cumpre o obxectivo fundamental de posibilitar o intercambio cultural e musical con outras iniciativas e grupos semellantes, achegando agrupacións da comarca e de comarcas próximas. Trátase de agrupacións de música tradicional e popular pero con formas ben distintas de achegarse á musica galega deste tipo, dando mostra da riqueza e variedade da mesma, obxectivo que tamén está nas nosas intencións.

Tamén está nas motivacións da actividade o feito de incluír no programa das festas parroquiais (Festas do Socorro de Ouzande) unha actividade musical diferente nas que a música tradicional e popular teña cabida e sexa a principal protagonista. En consecuencia FERVENZA DE MÚSICAS está incluída en dito programa de festexos que organiza a Xunta Parroquial de Ouzande.

As actuacións dos grupos convidados serán todas elas “a pé de campo”, mesturándose entre o público , tratando así de recuperar o sabor e ambiente das foliadas tradicionais, e procurando a maior participación posible dos asistentes.

O programa desta VI Foliada será o seguinte:

Día: Venres, 6 de setembro de 2013

Hora: 22:00 h.

Lugar: Campo da Festa de Ouzande.

O campo estará cuberto por unha carpa e haberá posto de polbo e churrasco, así como servizo de bar.

*Actuacións Musicais:*

O Ghusto do Boi (Boqueixón)

Animada e animosa charanga de música tradicional e popular. Unha ducia de compoñentes, con moito instrumento de vento, percusión e acordeón. Presentes en moreas de festas neste verán.

Os Ke Hai (Callobre)

Veterana agrupación estradense de música tradicional. O grupo callobrés non falta en ningunha festa, foliada e festival da comarca

Xurumelo (Santiago)

Trío santiagués que interpreta a música tradicional dun xeito orixinal e atrevido. Acordeóns e voz. Música de moita calidade. Participaron no recente Folk de Raíz de Callobre.

Retrouso (Ouzande)

Grupo anfitrión, fundado en Ouzande en 2005. Nestes anos o grupo converteuse nun dos referentes da música tradicional da comarca, participando en festivais como o desaparecido Músicas da Terra, de Ouzande; no Folk de Raíz, de Callobre; as Nosas Músicas de Couso; Coto Manguelo de Orazo, etc. O pasado ano presentou o seu primeiro disco, OU, de
extraordinaria acollida entre os afeccionados da música tradicional.

Recanto (Ouzande)

recanto en pontevedra 2Agrupación dunha vintena de veciños e veciñas de Ouzande afeccionados ás cancións tradicionais. Novidosa proposta que xurdiu a raíz das clases de canto tradicional que organiza A Fervenza de Ouzande desde o pasado ano 2012. A agrupación ouzandesa acudiu convidada, este mesmo ano, ao certame Cantos de Taberna, en Pontevedra, o pasado mes de abril.

Cómpre subliñar que esta actividade se realiza cos recursos propios da Asociación, así como a colaboración da Xunta Parroquial de Ouzande, e sen ningún tipo de subvención das entidades públicas oficiais. Neste sentido, queremos agradecer publicamente a colaboración de grupos e músicos convidados, que sumarán máis de medio cento de persoas.

Ao mesmo tempo convidamos a todos e a todos os veciños da Estrada e a súa contorna a traer os seus instrumentos musicais, para poñer remate á festa como é debido.

Redacción e Fotografías: AC A Fervenza de Ouzande

Esta entrada fue publicada en Festas, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta