A festa cumpre os requisitos definidos no Decreto 39/2001, regulador da Declaración de Festas de Interese Turístico de Galicia.
A Festa das Pepitas de Ferrol e a Festa da Castaña de Folgoso do Courel obtiveron hoxe tamén a aprobación para ter a distinción.
Con estas declaracións, a comunidade conta xa con 93 festas de Interese Turístico de Galicia, 13 festas de Interese Turístico Nacional e 6 festas de Interese Turístico Internacional.
O Consello da Xunta aprobou hoxe a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para o Entroido dos Xenerais do Ulla de Boqueixón, Teo, Touro, Vedra, Santiago de Compostela, Vila de Cruces, Silleda e A Estrada. O Entroido dos Xenerais do Ulla cumpre os criterios precisos para a súa valoración e trátase dunha celebración orixinal da comarca da Ulla, con referencias documentadas nos anos 70 do século XIX e conta cunha alta participación, de modo que presenta orixinalidade, antigüidade e arraigamento.
Os personaxes máis relevantes desta celebración son os xenerais e os correos a cabalo que, acompañados de abandeirados, coros, comparsas e parrandas, percorren as parroquias da zona e escenifican diversas escenas. As diferentes parroquias presentan incluso singularidades e manteñen os seus trazos definitorios. A espectacularidade deste Entroido tradicional galego logra atraer cada ano a numerosos viaxeiros á comarca da Ulla na que existen numerosos puntos de interese turístico.
A declaración comporta a súa inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Ademais do Entroido dos Xenerias do Ulla, o Consello da Xunta aprobou hoxe outras dúas declaracións para festas de Interese Turístico de Galicia, a da Festa das Pepitas, en Ferrol, e mais a Festa da Castaña, en Folgoso do Courel.
Con estas novas declaracións, a comunidade galega conta xa con 93 Festas de Interese Turístico de Galicia, ás que hai que engadir as 13 Festas coa declaración de Interese Turístico Nacional e as 6 co distintivo de Festa de Interese Turístico Internacional.
Redacción: Xunta de Galicia
Fotografía: Iria Eiras






































