O PSdeG PSOE de A Estrada presenta unha moción contra o copago para os medicamentos hospitalarios

IMG_8576NON SE PODE TOLERAR O COPAGO PARA OS MEDICAMENTOS HOSPITALARIOS

“As persoas afectadas dependen destes medicamentos para seguir vivindo”

O grupo municipal socialista da Estrada ven de facer público o seu total rexeitamento ao “novo copago para fármacos” que se dispensan nos hospitais de xeito ambulatorio, polo que unha parte moi importante dos medicamentos para o tratamento de enfermidades graves ou crónicas en pacientes hospitalizados pasarán a estar suxeitos ao pago segundo unha resolución ditada polo goberno do PP a nivel estatal.

Ao respecto, os socialistas estradenses levarán ao Pleno da Corporación unha moción pedindo a derrogación da citada Resolución de copago, instando ao Goberno da Xunta de Galicia a sumarse á Comunidades Autónomas que teñen anunciado a súa non aplicación. Así mesmo, buscarán un acordo unánime entre os partidos que forman a corporación relativo á apertura de unha liña de apoio aos pacientes que se vexan na obriga de afrontar o pago dos tratamentos.

“No seu camiño cara a destrución da sanidade pública e gratuíta, o PP cébase nesta ocasión cos pacientes crónicos, que deberán pagar por este tipo de medicación dispensada nos hospitais, o que sen dubida, se une á xa difícil situación persoal derivada da gravidade das súas doenzas: cáncer, hepatite, …”, informou Louzao. “Esta medida do PP é unha inxustiza de crueldade maiúscula, que non se pode explicar nin tolerar dende ningunha óptica, e moito menos dende a puramente recadatoria coa que se impón. Para as persoas afectadas por estas doenzas seguir o tratamento non é unha opción, é cuestión de vida ou morte.” 

“Un ataque tan grande aos dereitos dos cidadáns non pode ser tolerado de ningún xeito, por iso cremos que a Corporación da Estrada non pode quedar calada neste asunto. É máis, non se pode consentir que ningún estradense afectado por este tipo de doenzas  se vexa na obriga de deixar o tratamento por non poder facer fronte aos custes que se lle impoñen. Ésta claro que como Corporación debemos protestar ante a Xunta e o Goberno Central, pero tamén está claro que como representantes dos estradenses debemos velar polos cidadáns, motivo polo que propoñemos a apertura de unha liña de apoio aos afectados ata que a Resolución do PP sexa derrogada. Agardamos contar co apoio do BNG e do PP local, apoio decidido e real, non só fotos valeiras e palabras bonitas, traballo decidido para influír a nivel de decisión parlamentaria e gobernamental”

“Todos coñecemos persoas, familiares, que están a afrontar graves enfermidades, e todos sabemos o que isto supón para a vida diaria das familias. Non se pode consentir que os gobernos do PP fagan máis difícil, se cabe, estas situacións. Non se lle pode negar o tratamento a unha persoa enferma, non é xusto socialmente, e con esta medida serán moitas as persoas que vexan como a súa situación económica lles impide acceder aos tratamentos diagnosticados”

Redacción: PSdeG PSOE de A Estrada

Esta entrada fue publicada en Política, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta