Mañá mércores e pasado xoves comezarán a venderse as entradas para a obra «BICOS CON LINGUA» de Talía Teatro que visitará este venres ás 21;00 horas no Teatro Principal da Estrada. As entradas estarán á venda no Departamento de Cultura do concello en horario de oficina a 5,00€.
Esta peza, con preto de 300 actuacións ás súas costas é a máis representada da historia do teatro galego. Na actualidade está a realizar por Galicia a xira do seu décimo aniversario.
DATOS DA OBRA.
*Xénero: *Comedia (+12 anos)
*Duración: *50 m
*Prezo: *5,00 €
*Autores: *Avelino González, Suso de Toro, Cándido Pazó, Xabier Lama, Manuel Núñez Singala, Ana Iglesias e Marta Etxebarría.
*Elenco: *Artur Trillo e Toño Casais
*Sinopse:* Espectáculo que nace dun forte sentimento de amor cara algo tan propio como é a nosa lingua: a lingua galega.
Non se trata en ningún momento dun exercicio de victimismo, nada máis lonxe da nosa intención, senón de afondar nun problema real e, certamente, preocupante.
Así, pretendemos que esta montaxe supoña para o espectador unha experiencia de redescubrimento dunha lingua que existe e que crece na súa inmensa riqueza, a pesares dos usos e abusos aos que está sometida de cotío.
Redacción e fotografías: Departamento de Cultura






































