O alcalde é o culpábel da suspensión do PXOM e o alcalde ten que dimitir
A suspensión da aprobación definitiva é tal desastre que a Estrada retrocede 36 anos, retrocede á lei da selva
“O alcalde é o culpábel da suspensión do PXOM e o alcalde ten que dimitir”. Así de taxativo se amosou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, nunha rolda de prensa dos nacionalistas para avaliar a situación após a sentenza que suspende a aprobación definitiva do PXOM da Estrada, que se deu a coñecer onte.
Magariños explicou que “no seu día, en decembro de 2012, xa avisamos que esta situación podíase dar e o tempo novamente, como tantas outras veces, dounos a razón”. “Neste sentido, cómpre recordar que o BNG foi o único que votou en contra no pleno de aprobación do PXOM, porque xa nos temíamos o que ía ocorrer, e así foi; no documento urbanístico que nos presentou o PP estabelécense diversas alternativas que exceden do que serían meras alteracións puntuais o que requiría unha exposición pública, tal e como afirmabamos naquela altura”, engadiu o concelleiro nacionalista.
“Malia que haxa que agardar até coñecer a resolución definitiva deste caso”, indicou Magariños, “xa que sobre esta sentenza poden plantexarse un recurso, a simple medida cautelar que toma o TSXG indica que a suspensión definitiva do PXOM é un feito, que se consumará en breve, coas consecuencias económicas que iso pode supoñer para o concello da Estrada e para os seus veciños e veciñas”.
“Neste sentido, que pasa agora coas licenzas concedidas? Que pasa coas que non se concederon? Que pasa coas novas valoracións catastrais que recibiron nestes días os estradenses dando conta deses novos valores por mor da aprobación do PXOM?”, preguntouse Magariños. “Aquí hai dous únicos culpábeis, o alcalde, non só pola súa condición de alcalde, senón porque asumiu as competencias de urbanismo, e todo o grupo do Partido Popular por votar a favor dun documento urbanístico que xa os propios técnicos
municipais poñían todo tipo de reparos”, indicou o concelleiro do BNG.
“Así,” engadiu Magariños, “hai que recordar que o alcalde recorreu a unha militante do PP da Estrada para facer un informe de secretaría ao ditado dos seus intereses políticos e non aos do interese xeral”.
“E falando de intereses políticos”, engadiu Magariños, “temos que lembrar que cando o bipartito presentou o PXOM, o primeiro que fixo o PP ao facerse cargo do goberno da Xunta foi torpedealo para conseguir que López tivese un trampolín para acceder á alcaldía da estrada, un trampolín que agora se lle volve en contra, pero tamén en contra dos intereses dos veciños e das veciñas da Estrada.” “Nestes sentido, “ afirmou o concelleiro do BNG, “a diferenza do BNG, que sempre actuou de maneira construtiva polo ben de todos os cidadáns, o PP actúa só pensando no seu propio e único beneficio político”.
Chapuza e desastre da marca López
“Isto é un desastre; é unha chapuza da marca López publicitada por todo o concello cunha campaña publicitaria da que aínda hoxe descoñecemos o seu custe” afirmou Magariños”. “Mais esta nova chapuza de López é tal desastre que nos retrotrae ás normas urbanísticas subsidiarias do ano 1978, retrocedemos 36 anos, retrocedemos á lei da selva e a un novo estancamento da construción do rural, onde non se pode construír con estas prehistóricas
normas”, afirmou o concelleiro do BNG.
“López ten que dimitir, que se adique ao Consello Territorial da Propiedade de Pontevedra, do que é membro grazas aos servizos prestados a Louzán, a ver se alí aprende algo de urbanismo”, afirmou Magariños.
Gravación: Adrián Eiras // Fotografía: Iria Eiras // Redacción: BNG de A Estrada






































