É responsabilidade do alcalde buscar unha solución para o problema do IBI de Lagartóns
O PP meteu a Cidade do Móbel nun limbo que non śo está causando problemas aos propietarios dos terreos catalogados como solo industrial, senón tamén ao sector do móbel da Estrada
“A diferenza entre un bo alcalde e outro malo é que o primeiro soluciona os problemas dos veciños e veciñas, o segundo simplemente acata o que lle din desde Madrid”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, en resposta ás declaracións do rexedor municipal sobre o problema das fincas de Lagartóns catalogadas como solo industrial no canto de solo rústico pertencentes á Cidade do Móbel.
O concelleiro nacionalista engadiu «todo ten solución agás a morte, e o BNG xa deu sobradas mostras de que se hai vontade política calquera cousa pode solucionarse, como fixemos nós en 2004 coa sobrevaloración catastral da vila ou como fixo o BNG de Pontevedra pagando a paga extra aos funcionarios municipais, malia á imposición do PP madrileño». «Quere solucionar o problema do IBI a Cidade do Móbel?», preguntouse Magariños, «á vista está que non quere, e o que é peor, nunca quixo solucionalo e estivo mareando aos veciños con reunións e promesas que non se van a cumprir».
«Por outra parte», explicou o concelleiro do BNG, «coma sempre López non só bota valóns, senón que lle responsabiliza aos demais dos problemas que non quere resolver». «É certo que durante o bipartito se aprobou o plan parcial e as valoracións catastrais», explicou Magariños, «pero fíxose co obxectivo posto en sacar adiante a Cidade do Móbel, obxectivo que se viu truncando polo goberno do PP na Xunta que paralizou o proxecto por completo até día de hoxe, e diso van alá case seis anos».
Xosé Magariños afirmou que «a Cidade do Móbel está nun limbo que non se sabe moi ben onde queda, pero está claro que ao PP non lle interesa en absoluto sacar o proxecto dese status de parálise e escurantismo, malia o recente apoio de BNG, PSdeG-PSOE e AGE no Parlamento Galego para dotar de orzamento este proxecto.» «O dobre discurso do PP e de Anova que din unha cousa na Estrada e a contraria no Parlamento Galego, esta parálise»,
engadiu Magariños, «como estamos vendo está a causar graves prexuízos aos veciños e veciñas de Lagartóns, e non só aos que teñen problemas pola cualificación do solo, senón aos propietarios de inmóbeis e sobre todo ao sector do móbel».
O concelleiro nacionalista emprazou ao alcalde ao «reunirse cos veciños e veciñas afectados por este problema e aportar unha solución». «Se buscou cartos para un campo de fútbol, tamén pode buscar unha solución para a valoración catastral de solo rústico como solo industrial», afirmou Magariños.
Redacción: BNG de A Estrada // Fotografía: Iria Eiras






































