As cacicadas na Estrada habelas hainas
O PP aumenta o ancho dun camiño de carro na parroquia de Lamas, que non estaba contemplado no proxecto de PXOM de 2010
O BNG da Estrada denuncia que a política de caciqueo do PP aumenta por momentos segundo se achega a cita electoral do 24 de maio. Así, un camiño que tiña apenas o ancho dun antigo camiño de carros no proxecto de PXOM de 2010, aparece agora no PXOM do PP transformado nunha pista máis ancha pola que collen até dous coches, tal e como se pode comprobar nas imaxes que se achegan. E este cambio faise sen que houbera a preceptiva exposición pública para que os veciños e veciñas puideran alegar a conveniencia ou non de ampliar o ancho dese camiño, que, por outra parte ten unha dubidosa utilidade pública.
Ocorre isto no lugar de Abelleira, na parroquia de Lamas, pero podería ocorrer en calquera outra parroquia do concello, onde o PP practica o caciqueo para ter contenta a súa infantería, importante para sacar un bo resultado nas eleccións municipais. E estes cambios no PXOM fixéronse ás agachadas, sen exposición pública, fundamental para que a veciñanza e as organizacións políticas puidéramos detectar este tipo de cacicadas, que como as meigas, habelas hainas. Isto demostra o que denunciou o BNG no seu día, que se o PP non facía a exposición pública era porque tiña moito que agochar.
Por iso, cómpre desterrar do noso concello este tipo de manobras nas que se move tan habilmente o PP, co impulso da participación cidadá a través dos consellos parroquiais, para que as parroquias decidan que obras son importantes para todos e non para uns poucos, como acabamos de ver.
BNG de A Estrada