Grande expectación na exposición pública das 50 sombras de López
Hoxe empezamos na rede
Centos de veciños e veciñas da Estrada achegáronse hoxe á exposición organizada polo BNG da Estrada coas 50 sombras de López, unha escolma de imaxes coa que os nacionalistas queren resumir o que foi os catro anos de López e do PP na Estrada, unha política de despilfarro dos cartos de todas e todos e de chapuza permanente.
Como xa anunciaron os representantes do BNG, non será a última vez que se poida ver esta exposición das 50 sombras de López, xa que estudarán novas datas e novas ubicacións. Por outra parte, esta campaña dará comezo hoxe tamén nas redes sociais onde o BNG ten presenza e non rematará até o 22 de maio.
Os nacionalistas a repartiron un folleto explicativo, que reproducimos a continuación.
AS CINCUENTA SOMBRAS DE LÓPEZAS CINCUENTA VERGONZAS DO PP
Nos últimos catro anos tivemos que soportar un goberno municipal do PP non só alleo aos problemas da xente, senón incrementándoos subindo por exemplo a contribución un 140% aos poucos meses de iniciarse o mandato de López como alcalde da Estrada. Así, no canto de presentar iniciativas para crear emprego no noso concello e aumentar o benestar social da maioría dos veciños e veciñas, que debía ser a prioridade do goberno municipal, o PP
preferiu investir os nosos cartos en campos de fútbol, o que resume á perfección o fixo López cos cartos de todos e todas, despilfarrar.
A isto temos que engadirlle a privatización da recollida do lixo, pola que acabaremos pagando máis e cun peor servizo; temos que engadirlle a cesión ao ORAL de toda a recadación municipal, algo inédito nun concello da nosa categoría, o que nos deixa a expensas do capricho de Louzán o do presidente/a que corresponda da Deputación de Pontevedra. Temos que engadirlle unha aprobación cando menos controvertida do PXOM,
pendente dunha sentenza dos tribunais, que condicionará non só as decisións políticas de futuros gobernos municipais, senón que será unha bomba de reloxaría cuxas consecuencias pagaremos directa ou indirectamente todos os veciños e veciñas da Estrada. E xa que falamos de PXOM, non hai moitos días que o alcalde anunciou a ampliación da Alameda na que investirá preto de 2 millóns de euros, secando todas as partidas para a execución futura do PXOM, deixando de lado -unha vez máis- a creación de emprego e a posta en marcha dunha nova escola infantil ou un centro día.
E aínda hai máis, … desleixo co noso patrimonio e coa nosa lingua, pésima xestión dos desbroces no rural e peor recollida do lixo, ríos contaminados, inexistencia de novos saneamentos no rural, desfeitas medioambientais (praia de Barcala), inauguración da nova praza de abastos á que lle saltan as costuras aos poucos días de inaugurar, promesas e máis promesas que nunca acaban de concretarse, … así até cincuenta sombras, cincuenta
vergonzas, -poderían ser moitas máis-, pero resumen os catro anos deste goberno municipal do PP e que colgamos con pinzas á luz de todos os veciños e veciñas, pero tamén nas redes sociais nas que o BNG ten presenza.
Pero hai alternativa. O BNG leva traballando os últimos meses nun programa de goberno para “darlle a volta á Estrada”. Para nós a prioridade á creación de emprego, o benestar das persoas, poñer en valor o noso rico patrimonio que agora está nunha silveira, a darlle maiores cotas de decisión e participación aos veciños e veciñas, especialmente os que viven
no noso extenso rural; recuperaremos a recadación dos nosos cartos -cousa que xa fixemos na etapa do cogoberno- e da xestión do lixo agora privatizado. En definitiva, que tes a túa disposición a ferramenta coa que o BNG quere cambiar esta situación, e tela a túa disposición na nosa web e nas redes onde temos presenza. Xa o sabes, “darlle a volta á Estrada”
DEPENDE DE NÓS!
Redacción: BNG de A Estrada
Música Ambiente: Grupo de Acordeóns Os Lóstregos






































