“Das necesidades que ten o municipio, a Xunta de Feijóo, co silencio cómplice do alcalde do PP, desentendeuse totalmente”, afirma Besteiro na presentación da candidatura
José Antonio Dono, candidato do PSdeG á alcaldía da Estrada, presentou esta noite nun ateigado Teatro Principal a lista coa que se presentará ás eleccións municipais do 24 de maio. “Desde a sensatez, é necesario apostar polo noso Concello, devolverlle plena capacidade de decisión; está en xogo que nos vindeiros catro anos se fagan políticas para atender aos veciños”, afirmou.
O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, estivo no acto de presentación da candidatura e criticou que “das necesidades que ten o municipio, a Xunta de Feijóo, co silencio cómplice do alcalde do Partido Popular, desentendeuse totalmente”.
“A ausencia de compromiso real da Xunta coa Estrada é evidente, o alcalde fai moitos titulares de prensa e fotos con conselleiros anunciando obras, pero cero euros nos orzamentos”, afirmou o líder do PSdeG. “En catro anos non se moveu un só papel da autovía, o centro de día e a gardería”, dixo Besteiro.
O secretario xeral dos socialistas galegos engadiu que “co PXOM, o PP local e a Xunta usaron o tema como arma política na última campaña de 2011, e o resultado é que se atopa no Supremo pendente de sentencia para decidir se se anula”.
Participación
Pola súa parte, Dono anunciou “un proceso participativo de elaboración e debate das propostas prioritarias do programa, estaremos a disposición dos veciños e veciñas, colectivos e asociacións para escoitar suxerencias, explicar propostas e debater alternativas”.
“A Estrada está perdendo poboación, e o Concello debe facer políticas que atraian á xente, non que a boten fóra, e nos garantizamos a honradez e a sensatez como forma de goberno, que a prioridade volten a ser os veciños e as veciñas, que vivir no rural sexa unha oportunidade e non unha discriminación, e apoiar aos traballadores locais impulsanfo o tecido empresarial”, rematou.
PSdeG PSOE de A Estrada