Magariños insta ao alcalde a visitar a desfeita da praia fluvial de Barcala e asumir responsabilidades

BNG Barcala2Os nacionalistas insisten no dano á vexetación e á paisaxe, mentres as autoridades competentes miran para outro lado

O concelleiro do BNG e candidato á alcaldía, Xosé Magariños, amosouse “perplexo e sorprendido” polas declaracións do tenente de alcalde, Juan Constenla, que reflectían os
medios de comunicación o pasado domingo “porque no canto de asumir a súas
responsabilidades na desfeita da praia de Barcala tiran para adiante como se nada pasara, esgrimindo un proxecto que pode estar moi ben sobre o papel, pero non ten nada que ver co que se executou na praia fluvial”.

“Alí houbo unha ampliación do carreiro natural”, engadiu Magariños, “as fotos que sacamos no seu día falan por si soas, e pode verse con claridade que non utilizaron desbroce manual para limpar o carreiro, utilizaron unha escavadora provocando un forte impacto na paisaxe e danos á vexetación e á paisaxe”.

“A foto que divulgou o tenente alcalde é efectivamente parte do carreiro natural que non se veu afectado pola desfeita”, explicou Magariños, “pero paralelamente a este, na praia e río arriba o concello abriu un camiño cunha escavadora onde antes non había tal camiño, segundo reflicten os planos que consultamos, ocultando completamente o carreiro existente”.

Xosé Magariños afirmou que el visitou a zona da desfeita “e non falo de oídas como o tenente de alcalde, nin utilizando fotos de hai meses para dicir que todo está perfecto”. “Insto ao goberno municipal do PP a visitar a praia de fluvial de Barcala,” engadiu o concelleiro do BNG, “co alcalde á cabeza da expedición para que comproben in situ a desfeita que fixeron e para que deixen de falar sen pisar o terreo”.

“Un delito ecolóxico deste calibre executado polo propio goberno municipal”, explicou Magariños, “sería motivo para pedir a dimisión de todo o goberno do PP, pero tendo en conta que xa queda pouco para as eleccións, serán os propios veciños e veciñas quen os fagan dimitir por chapuceiros e por mentir”.

O concelleiro nacionalista e candidato do BNG-Asembleas Abertas recordou que “esta desfeita non quedará impune; o PP terá que dar explicacións no Parlamento Galego, en concreto a Consellaría de Medio Ambiente, sobre todo para saber se teñen coñecemento da desfeita e se van tomar medidas ao respecto, e tamén no Parlamento Europeo porque o concello utilizou uns fondos europeos para desfacer no canto de mellorar a paisaxe, un dos
obxectivos dos fondos FEADER”.

*Ocultando as probas do crime*

Segundo explicou Xosé Magariños, “temos a lixeira sospeita de que o PP tenta maquillar a desfeita”. “Así como os asasinos volven á escena do crime”, engadiu, “o goberno municipal do PP volveu á praia de Barcala para tentar disimular na medida do posíbel a desfeita provocada pola súa incompetencia e e desprezo polo noso medio natural”. “Téñeno bastante difícil”, explicou, “porque o camiño que abriron é de case tres metros de ancho e dunha profundidade variábel de trinta ou cincuenta centímetros como se pode ver no vídeo que editamos para ilustrar esta denuncia http://youtu.be/4F8NX_43RJI”.

Por outra parte, o concelleiro nacionalista amosouse sorprendido polo “silencio cómplice da Consellaría de Medio Ambiente”. “Se este desastre fora feito por un veciño”, afirmou o concelleiro do BNG, “todo o peso da lei recaería sobre el, pero como foi o propio goberno do PP, a cousa ten pinta de que vai quedar en nada”.

BNG de A Estrada

Esta entrada fue publicada en Política, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta