López promete iniciar 15 "medidas estrela" nos seis primeiros meses do mandato para transformar A Estrada

JL1 A reurbanización da Baiuca, a variante da Estrada, o Centro de Atención ao Maior, a segunda escola infantil, a integración no área de transporte metropolitano de Santiago e a apertura do concello polas tardes, entre eses compromisos

 O candidato popular celebra mañá un café-tertulia con mulleres no Restaurante Samaná ao que asistirá a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella

 Ademais, ofrecerá mitins en Aguións e Guimarei e o luns en Riveira e Arnois

O candidato do Partido Popular á reelección como alcalde da Estrada, José López Campos, comprométese a iniciar durante os seis primeiros meses do vindeiro mandato 15 «medidas estrela» que comezarán unha «profunda transformación» do Concello da Estrada e que contribuirán «a revitalizar a economía local e a mellorar a atención e os servizos que demandan os veciños».

José López salienta que entre eses 15 compromisos figuran tanto o inicio da construción de infraestruturas, como a dotación de equipamentos sociais e deportivos e a posta en marcha de novos servizos municipais:

1.- Inicio das xestións necesarias para acometer en 2016 unha primeira fase de ampliación do polígono industrial de Toedo.

2.- Posta en marcha do Viveiro de Empresas.

3.- Construción do Centro de Atención ao Maior no Novo Mercado.

4.- Reurbanización do solar do campo de fútbol da Baiuca para convertelo na área social da Baiuca.

5.- Elaboración do proxecto e licitación da construción da segunda escola infantil, que se ubicará na área social da Baiuca.

6.- Licitación da construción da variante da Estrada.

7.- Adxudicación e construción da segunda fase de mellora da estrada Liñares-Valboa.

8.- Reforzo da «Brigada de Mantemento Rural».

9.- Posta en marcha dun Servizo Municipal de Substitución Agraria.

10.- Expropiación dos terreos para a ampliación da alameda municipal.

11.- Adhesión da Estrada á Área de Transporte Metropolitano de Santiago e aplicación dos
descontos correspondentes aos usuarios.

12.- Adecuación do edificio de Usos Múltiples como Casa da Música.

13.- Inicio da construción de 4 pistas de pádel a carón da piscina climatizada.

14.- Apertura do concello polas tardes, de luns a venres, para mellorar a atención e o servizo aos veciños/as.

15.- Deseño dun Plan de Humanización de Rúas e Espazos Urbanos, programando actuacións na avenida de América, avenida Fernando Conde, rúa Pérez Viondi e rúas Iryda e Castelao.

José López destaca que estes 15 compromisos «completaranse con outras moitas accións e obras que tamén figuran no programa electoral e que xa están en marcha, como poden ser a colaboración cos promotores do Plan Parcial de Bogaris-Mercadona, a solución aos problemas da rede de saneamento na avenida de Santiago, a construción dun centro hípico no recinto feiral de Guimarei ou a construción dos vestiarios do campo de fútbol do Callobre».

Café-tertulia con mulleres e mitins no rural

En canto ao calendario de actos electorais, José López celebrará mañá domingo un café-tertulia con mulleres no Restaurante Samaná, ás 17.00 horas, que contará coa participación da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. Con posterioridade, ás 19.00 horas celebrará un mitin na escola da parroquia de Aguións e ás 21.30 horas, no centro social de Guimarei.

Na xornada do luns, os mitins serán os seguintes: no local social de Ribeira ás 20.00 horas e no local social de Arnois, ás 21.30 horas. O martes, ás 20.00 horas na escola de Ribela (para os veciños de Ribela e Liripio) e ás 21.30 horas, na escola de Arca.

Conversas para seguir avanzando

Por outra banda, o candidato do Partido Popular da Estrada iniciou onte unha campaña nas redes sociais denominada «Conversas para seguir avanzando», que consiste na difusión dunha serie de microvídeos que forman parte dunha extensa conversa entre o propio José López e o secretario xeral de Política Lingüística e 1º suplente da candidatura, Valentín García. Estes microvídeos pódense ir visualizando na páxina web www.ppdaestrada.com ou na páxina de Facebook de José López.

PP de A Estrada

Esta entrada fue publicada en ESPECIAL ELECCIÓNS, Política, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta