O candidato á Alcaldía destaca a Axega como «dinamizador da economía local» porque «será unha das principais ´empresas´ da Estrada por número de traballadores»
«A mellor forma de axudar ao comercio é mellorando a situación económica, fixando poboación, atraendo empresas, humanizando as rúas e colaborando nas actividades da ACOE», afirma López
O candidato do PP á Alcaldía da Estrada, José López, fixo público hoxe no encontro sectorial mantido na sede da ACE con empresarios e comerciantes que, no marco do compromiso de dispor de solo industrial público para atraer empresas á Estrada, estase a valorar por parte do goberno do PP a posibilidade de adquirir a ampliación privada promovida por Sansinaes para «pór solo industrial a disposición dos empresarios e emprendedores xa no ano 2016».
José López explicou que «grazas á vixencia do PXOM o Concello da Estrada ten reservado 1,18 millóns de metros cadrados de superficie para uso industrial» e salientou que, se volve contar co apoio maioritario dos estradenses, a creación de solo empresarial público será «unha das prioridades do vindeiro mandato». Nembargantes, recoñeceu que a complexidade da tramitación administrativa dun parque empresarial, xunto coas xestións para conseguir o financiamento necesario por parte doutras Administracións, levará practicamente catro anos.
Por tal motivo, «como A Estrada non pode pasar catro anos sen solo industrial público», José López precisou que «estase a estudar a fondo a posibilidade de adquirir, total ou parcialmente, solo dispoñible na ampliación de Sansinaes». Ao respecto, sinalou que o ámbito comprende unha superficie global de 85.554 metros cadrados, nos que o propio Concello da Estrada xa dispón de dúas parcelas de 5.250,20 m2 en total.
José López fixo este anuncio no marco da presentación do programa electoral do PP para o eido da promoción económica e o emprego, que recolle 16 compromisos concretos, ademais doutros de carácter transversal que tamén repercutirán positivamente na actividade económica, como poden ser a execución de grandes infraestruturas como a variante da Estrada ou a prolongación da autovía a Santiago.
Entre as devanditas 16 medidas, José López mencionou a creación de solo industrial, a
revitalización do sector do moble, a posta en marcha dun Plan de Atracción de Investimentos, o arranque do Viveiro de Empresas e a elaboración dun estudo técnico sobre as perspectivas económicas do Concello da Estrada.
En canto ao sector do comercio, o candidato popular sinalou que «a mellor forma de axudar ao comercio é mellorando a situación económica, fixando poboación, atraendo empresas, humanizando as rúas para facelas máis apetecibles e atractivas e estreitando aínda máis a colaboración coa ACOE para desenvolver novas actividades e campañas promocionais».
Neste contexto, José López subliñou que «se ben é certo que a loita contra o paro non é unha competencia exclusiva da Administración Local e que a situación dun concello raramente pode escapar á dinamica xeral, a realidade é que durante este mandato o goberno do PP conseguíu frear a tendenza alcista do desemprego herdada do goberno bipartito». Así, indicou que «Dono entrou na Alcaldía da Estrada con 995 parados e cando perdeu as eleccións en 2011 deixou 1.965, é dicir, 970 desempregados máis». Pola contra, o goberno do PP contribuíu a frear este incremento rematando o mandato con 10 parados menos que en 2011: «non é un dato satisfactorio, por suposto, pero conseguimos rachar cunha dinámica de crecemento que era socialmente inasumible».
Falando do emprego e da actividade económica, José López referiuse tamén á construción e posta en marcha da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) nos vindeiros meses, que converterase nun «elemento dinamizador da economía local» porque «pasará a ser unha das principais ´empresas´ da Estrada por número de traballadores».
«Que haxa máis de 200 persoas traballando na Axega cada día quere dicir que moitas delas
comerán na Estrada, mercarán na Estrada e mesmo alugarán pisos na Estrada ou farán casas na Estrada para quedar a vivir aquí», afirmou López, antes de enfatizar que «A Estrada e, en especial o seu rural, é un lugar moi apetecible para vivir e traballar, porque ten moitos servizos, está moi preto de Santiago e ofrece unha calidade de vida óptima, por iso temos que aproveitar esa vantaxe competitiva».
PP de A Estrada







































