O BNG insta ao alcalde a implicarse na resolución dos problemas dos gandeiros e gandeiras da Estrada

BNG2Periga o sector lácteo do noso concello

O BNG da Estrada rexistrará unha moción en apoio ao sector lácteo galego. “Trinta anos despois da entrada na Unión Europea, a situación idílica que trazaban para o pobo galego, e en concreto para o sector lácteo, transformouse nun auténtico pesadelo”, afirmou o
concelleiro nacionalista.

“Froito da eliminación das cotas do leite, a día de hoxe temos constancia de que hai explotacións gandeiras na Estrada que están a pasar auténticos apuros económicos”, denuncia Xosé Magariños, “ás que lles están pagando prezos de miseria e mesmo con ameazas de que non lles van recoller o leite”. “A escusa que lles poñen para pagar até 18 céntimos o litro é que hai moito leite no mercado”, engadiu Magariños, “cando o problema que hai é que son outros países os que teñen un problema cos excedentes de leite e colócano aquí rachando o noso mercado e aniquilando un sector vital da nosa economía como é o sector lácteo”.
“Coa nosa moción queremos reflectir que hai alternativa, que se pode evitar a desfeita do sector provocada por unha decisión unilateral da Unión Europea, e que na Estrada está a cobrarse as primeiras vítimas, e non repara entre grandes produtores ou pequenos”, denunciou o concelleiro do BNG.

Os nacionalistas tamén queren unha implicación directa do alcalde. Segundo explicou Magariños, “durante a campaña electoral dixemos que un alcalde non se dedica só a poñer ou quitar farolas ou asfaltar camiños, ten que implicarse na resolución dos problemas dos seus veciños e veciñas”; “neste sentido”, engadiu o concelleiro nacionalista, “é hora de que o alcalde se gañe o soldo que lle pagamos todas e todos”. “Este é un problema político e
só desde a política se pode solucionar, e a pelota está agora no tellado do PP, que goberna a Xunta e o Goberno central”, afirmou Magariños.

A respecto das propostas para o sector lácteo defenden a necesidade dun instrumento interprofesional propio, no que se negocien as relacións da cadea do leite. Os nacionalistas tamén propoñen que se ten que garantir a capacidade real de negociación coas industrias, que asegure a recollida do leite e que contribúa a estabilizar uns prezos en parámetros que cubran gastos e remuneren o traballo dos labregos e labregas.

“Galiza é a maior produtora de leite do Estado español, e non podemos deixar que un sector estratéxico da nosa economía local e nacional esmoreza e desapareza”, afirmou Magariños, “hai moitos postos de traballo en xogo e o futuro do noso rural dependen en boa medida da supervivencia do sector gandeiro”.

BNG de A Estrada

Esta entrada fue publicada en Agrogandeiros, Política, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta