O BNG exixe o precintado das instalacións de Monpasa en Agar así como o seu desmantelamentoAs instalacións están abandonadas desde hai anos e non hai nada que advirta do perigo que supón unhas construcións neste estado
A formigoneira fora denunciada polos veciños e veciñas de Agar, así como polo BNG, hai máis de 10 anos por non contar cos permisos e licenzas legalmente exixíbeis
O BNG emitiu na mañá de hoxe un comunicado de prensa no que insta ao concello da Estrada a “precintar as antigas instalacións da empresa Monpasa na parroquia de Agar”.
Segundo explicou Xosé Magariños, portavoz municipal do BNG, “estas instalacións, completamente desmanteladas e abandonadas, non teñen ningún sinal que advirta da súa perigosidade e tampouco ningún obstáculo que impida acceso ás mesmas, situadas a apenas 500 metros da estrada N-640 no Foxo”.
“Tal e como se pode observar nas fotografías que achegamos co comunicado de prensa”, explicou Magariños, “hai fosos e pozos con auga de dubidosa salubridade, construcións de gran altura sen ningún tipo de protección, así como todo tipo refugallo abandonado ao que pode acceder calquera persoa sen que haxa nada que advirta do perigo que todo isto supón”.
“Esta planta da empresa Monpasa”, engadiu Magariños, “denunciada polos veciños e veciñas de Agar, así como polo BNG hai máis de 10 anos, cando o actual alcalde era concelleiro de industria, construíuse sen licenza e sen ningún tipo de control público durante a febre do pelotazo urbanístico; hoxe é, porén, o paradigma do que deu de si esa época: crise e miseria”.
“Instamos ao alcalde a tomar medidas -as que non tomou hai máis de 10 anos cando tiña responsabilidades- para precintar o acceso a este recinto”, afirmou o portavoz municipal do BNG, “e exixa aos seus propietarios o desmantelamento completo desta planta que nunca debeu construírse nesa ubicación, así como a restauración do entorno natural existente no seu momento”.
BNG de A Estrada






































