Problemas de desprendementos, “illós” en viais, pasos de auga atoados, buracos nos viais, zonas de trazada de circulación dos vehículos polas que non se pode circular, vertedoiros incontrolados, …
O grupo municipal socialista continua a denunciar a falta de atención do goberno local ao rural estradense. “O día a día nas parroquias demanda a actuación do Concello para poñer solución a problemas que afectan o normal desenvolvemento da vida dos veciños e veciñas. Estamos a falar de situacións que na maioría dos casos se resolven sen custe para as arcas municipais, sendo preciso só vontade política de querer atender aos veciños”, comentou a portavoz socialista.
Na procura de que o goberno do alcalde José López atenda debidamente as parroquias dende o grupo socialista temos denunciado en diversas ocasións o abandono que ven sufrindo o rural dende que José López é alcalde, temos realizado comunicacións vía rexistro municipal, rogos e preguntas no Pleno, presentado mocións ou emendas aos orzamentos. A pesar de que ao alcalde José López non lle gusta que lle afeen a súa autopromocionada xestión, o certo é que son moitas as necesidades das parroquias que non están sendo atendidas polo goberno local.
Así na mañá de onte, o Concelleiro socialista Fernández Cerdeira, ensinoulle, in situ, ao Concelleiro con delegación e responsabilidade de atención ao rural, Sr. Juan Constenla, algunhas das deficiencias de necesaria e inmediata solución en parroquias como Souto, Codeseda, Arca e Nigoi. “Se o Goberno Local continua dando as costas ao rural, o que hoxe se soluciona só con man de obra seguramente pase a ser cousa de pagar miles de euros. O Sr. Constenla, no día de onte, aceptou a nosa solicitude para achegarse a ver algunhas das demandas que nos teñen comunicado os veciños, agora agardamos a solución inmediata das mesmas. Os socialistas seguiremos pendentes destas demandas veciñais, e continuaremos esixindo ao goberno a solución destas e de outras moitas que xa nos teñen plantexado”, comentou Fernández Cerdeira.
PSdeG PSOE de A Estrada






































