Xa está convocado a terceira edición do concurso de microrrelatos e micropoemas convocado pola Coordinadora Local de Equipos de Dinamización Lingüística, DINAMIZAESTRADA, que agrupa a todos os centros de primaria e secundaria do Concello da Estrada. Nesta ocasión microrrelatos deben conter a palabra GAIOLA, e os micropoemas a palabra ORBALLO. O proceso de elección tivo lugar no primeiro trimestre deste curso, e no mesmo participou o alumnado e o profesorado dos Equipos de Dinamización Lingüística de todos os centros. As palabras escollidas debían aparecer nalgún dos títulos das obras do autor ao que se dedica este ano o Día das Letras Galegas, Manuel María. O prazo de entrega dos traballos remata o próximo 8 de marzo.
Os textos premiados, en todas as categorías e modalidades, publicaranse nun libro, tal como se realizou nas convocatorias dos anos anteriores (Achéganse as bases do concurso). Realizarase unha tiraxe de 500 exemplares, que serán repartidos aos gañadores e gañadoras do certame e entre todos os centros participantes. A realización do deseño da portada e da imaxe da Festa das Palabras correrá a cargo, por segundo ano, da deseñadora estradense Rosa de Cabanas. No libro incluiranse tamén ilustracións realizadas polo alumnado de infantil de todos os centros de primaria, de cara a favorecer a participación do alumnado desta etapa na actividade.
Tamén se editará un marcapáxinas coa imaxe utilizada para o libro e para a campaña en xeral. 4000 exemplares para distribuír entre todos os centros.
O proxecto terá como corolario a III Festa das palabras, no terceiro trimestre.Consistirá na entrega de premios dos concursos literarios no Teatro principal da Estrada a todos os gañadores e gañadoras do certame. Nesta festa haberá unha actuación musical e a participación dun escritor como padriño da Festa. Neste edición, foi escollido como padriño literario o escritor estradense David Otero, que fará unha intervención na entrega de premios e que aparecerá publicada no libro editado.
Para esta actividade cóntase coa colaboración do Concello da Estrada.
DINAMIZAESTRADA agrupa aos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos 10 centros educativos públicos e concertados do Concello da Estrada. Ven desenvolvendo a actividade dinamizadora do noso idioma por terceiro curso consecutivo e desde este ano adoptou esta denominación na que se conxuga o aspecto dinamizador do idioma a través da organización de iniciativas conxuntas, co ámbito xeográfico e social do mesmo.
Dinamizaestrada mantén o blog: proxectodelingua.blogspot.com.
Xabier Camba Sanmartín
Profesor do IES Antón Losada