A Estrada acolle unha xuntanza da Rede Municipalista Solidaria do Fondo Galego

Escudo.novo– Persoal técnico das deputacións e concellos socios está chamado a participar no encontro, que se desenvolverá desde as 10.30 horas no Museo do Moble

– A Secretaría dá conta nestas citas dos proxectos de cooperación internacional e das actividades de sensibilización que poden implementar ao longo deste ano 

A Estrada acolle o 28 de marzo unha das seis xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria, conformada por persoal das administracións locais e provinciais integradas no Fondo Galego de Cooperación. O Concello será o vindeiro luns anfitrión dun encontro no que a Secretaría Técnica da entidade dá conta dos proxectos de desenvolvemento apoiados en países do Sur coas cotas que achegan as deputacións e concellos socios, ao tempo que informa das actividades que poden implementar en 2016 para concienciar fronte as desigualdades. A cita será ás 10.30 horas no Museo do Moble.

Entre o 28 e o 30 de marzo terán lugar estes foros nos concellos da Estrada, Lugo, Ourense, Teo, Betanzos e Moaña. A sesión abrirase cun repaso das novas Liñas Estratéxicas 2016-2019, que avogan pola incorporación de máis municipios a esta rede solidaria. Revisarase logo o Plan 2016 e as accións previstas nas áreas de fortalecemento, sensibilización, proxectos e comunicación. Exposicións, actuacións musicais, contacontos, charlas ou obradoiros de fotografía e calceta son algunhas das actividades que os socios poden solicitar.

A iniciativa europea Redes para o Desenvolvemento ou o concurso Imaxes con Fondo son outras das actuacións sobre as que se informará, así coma do programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, que será explicado pola axente de emprego que o ano pasado participou en Cabo Verde, ou do intercambio de experiencias que alcaldesas e concelleiras galegas levarán a cabo en Mozambique. No eido da cooperación internacional, amosaranse os resultados do proxecto a prol da saúde infantil e materna apoiado neste país lusófono e da achega para a reconstrución dun centro sanitario nos campamentos saharauís.

As xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria coa Secretaría do Fondo Galego de Cooperación celébranse cada seis meses co obxectivo de render contas e favorecer un contacto directo que garanta correcto funcionamento da asociación. O intercambio de ideas e opinións que se xera permite unha boa circulación da información, a comunicación e a transparencia, imprescindibles para realizar un traballo eficaz.

Fondo Galego de Cooperación

Esta entrada fue publicada en Educación e Sociedade, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta