Calquera elemento patrimonial ten que estar custodiado polas autoridades e non na casa dun particular
O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, informou hoxe aos medios de comunicación local de que “o BNG insta ao goberno municipal a repoñer no seu estado orixinal o cruceiro de Ouzamerxe, na parroquia de Lagartóns”. “O cruceiro”, engadiu Magariños, “leva dous anos “custiodiado” nunha casa particular, segundo nos explicou o alcalde en resposta ás nosas preguntas nos plenos”.
“No BNG cremos que unha casa particular, por moi boa intención que teñan as persoas que o custodian, non é o lugar acaido para un elemento do noso patrimonio”, afirmou Magariños. “O concello é o que ten que custiodar e coidar do bo estado do cruceiro ou de calquera outro elemento patrimonial.
O concelleiro nacionalista indicou que “dado que pasa o tempo e o cruceiro de Ouzamerxe segue sen a cruz e somerxido nas silvas é o non se están a dar os pasos necesarios para solucionar os problemas que presenta, incumprindo polo tanto o deber que teñen as administracións públicas de protexer e promocionar o patrimonio cultural, presentamos unha moción para poñer as cousas no seu sitio, contando co visto e prace de Patrimonio.
BNG de A Estrada