Zonas de aparcamento restrinxido no que non se ve a delimitación, pasos de peóns practicamente borrados e semáforos que non funcionan.
Non se teñen realizado as modificacións na zona de aparcamento restrinxido aprobadas en outubro na Rúa San Antón.
Actualmente a imaxe de coidado que proxecta o casco urbano resulta francamente mellorable. Dende o grupo socialista demandamos que o grupo de goberno non perda máis tempo e de inmediato proceda a realizar as tarefas de mantemento necesarias para o coidado das rúas do casco urbano.
“Zonas de aparcamento restrinxido onde non se ve a delimitación, pasos de peóns practicamente borrados e semáforos que non funcionan, bancos deteriorados e mobiliario urbano desconchado. Esta realidade causa malestar entre os estradenses e proxecta unha imaxe inxusta da nosa vila. O Concello debe efectuar de inmediato as tarefas requiridas para repoñer a sinalización horizontal e vertical situadas nas distintas rúas. Trátase de tarefas que non supoñen grandes inversións, só preocupación política polo pobo estradense e capacidade de xestión do día a día. Parece que o alcalde José López segue sen querer rebaixarse a atender as necesidades do día a día dos estradenses”
En oito meses o goberno municipal non foi quen de modificar a pintura que delimita a zona azul e de residentes na R/ San Antón
As delimitacións das zonas de aparcamento restrinxido existentes en distintas rúas do casco urbano non se atopan delimitadas correctamente. “No pasado pleno do mes de outubro acordáronse unha serie de modificacións na distribución das zonas de aparcamento restrinxido que oito meses despois non se teñen plasmado na sinalización, por este motivo na actualidade non se corresponde a ordenanza en vigor co que se atopan os veciños na rúa”
PSdeG PSOE de A Estrada






































