A Festa das Palabras consolídase por terceiro ano consecutivo

IMG-20160521-WA0010Este xoves o Teatro Principal, ás 20:30 horas, acollerá a terceira edición da Festa das Palabras na que se entregaran os premios do III concurso de micropoemas e microrrelatos.

A Festa das Palabras é a única actividade que organizan e na que participan conxuntamente todos os centros educativos da Estrada. Trátase dunha actividade organizada polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, de cada un dos centros, que teñen como finalizade a dinamización do uso da nosa lingua, e o aumento das actitudes positivas cara a mesma, a través da organización de actividades diversas de xeito transversal e integrador entre os diferentes elementos que compoñen a comunidade educativa. Esta é unha mostra. En realidade este proxecto abrangue un abano máis amplo de persoas dentro do profesorado, alumnado e familias, e tamén se achega a outras institucións como o Concello, neste caso.

Estamos falando dunha actividade ambiciosa, coa que se pretende unha forte incidencia, dentro e fóra dos centros educativos e que xira arredor da dinamización da nosa lingua. Valoramos moi positivamente que esta suma de esforzos trate de incidir na mellora da consideración social do galego, e mesmo, no aumento do seu uso cotián nos ámbitos educativos e fóra deles tamén.

Cartel III Festa das Palabras sCelebrar por terceiro ano consecutivo a Festa das Palabras é, por si mesmo, un éxito. Conseguir achegar ao alumnado de todas as idades e de todos os centros á creación literaria en galego, é un éxito aínda maior. Comprobar ano tras ano a calidade, mérito e creatividade dos nosos rapaces e rapazas é unha enorme satisfacción. Promover que ese esforzo creativo se realice na nosa lingua, é case unha obriga.

Desde esta edición o conxunto de Equipos de Dinamización Lingüística da Estrada, que organizan este e outros eventos conxuntos,  adoptaron a o nome de DINAMIZAESTRADA, no que se conxuga o aspecto dinamizador do idioma a través da organización de iniciativas conxuntas, co ámbito xeográfico e social do mesmo.

www.proxectodelingua.blogspot.com

Entrega de premios do III concurso de micropoemas e microrrelatos.

O certame dá continuidade ao proxecto iniciado o curso 2013-14 e convocou a todo o alumnado estradense á realización de micropoemas e microrrelatos. Nesta ocasión microrrelatos debían conter a palabra GAIOLA, e os micropoemas a palabra ORBALLO. O proceso de elección tivo lugar no primeiro trimestre deste curso, e no mesmo participou o alumnado e o profesorado dos Equipos de Dinamización Lingüística de todos os centros. As palabras escollidas debían aparecer nalgún dos títulos das obras do autor ao que se dedica este ano o Día das Letras Galegas, Manuel María.

IMG-20160521-WA0011Neste segundo trimestre procedeuse á recollida de traballos e ao fallo do concurso, do que resultaron un total de 62 gañadores e gañadoras nas diferentes categorías, tanto de educación primaria como secundaria.

Cos traballos premiados fíxose a edición dun libro, ao igual que nos certames anteriores, no que se recollen os traballos gañadores. Será entregado un a cada un e unha das premiadas, xunto cun caravel branco, a cargo de profesorado e representantes das ANPAS dos centros.

Para o deseño da portada contouse, de novo, co traballo da deseñadora Rosa de Cabanas, que se ocupou tamén da creación de carteis, marcapáxinas e demais recursos gráficos, do certame e da festa.

Nesta edición, a publicación inclúe 14  ilustracións realizadas polo alumnado de Educación Infantil dos 7 centros que acolle estas ensinanzas. Cada centro elaborou diferentes propostas arredor das dúas palabras, sendo escollidas dúas por cada un dos colexios, que serven para ilustrar o libro. Coas mesmas realizarase unha exposición o propio día da festa.

Nesta terceira edición teremos como padriño literario desta nova xeración de pequenos creadores ao escritor e profesor estradense, David Otero, sobradamente coñecido pola súa dedicación á literatura infantil e xuvenil, así como polo seu labor dinamizador da lectura, da cultura e da lingua. Fará unha alocución, a modo de bautismo literario, ao comezo do acto. O libro tamén inclúe un texto da súa autoría.

Ademais, como nas edicións anteriores, a Festa será tamén musical. Neste caso será o grupo NAI o encargado de levar a nosa lingua a través da música. Trátase dun trío, (percusión, gaita, acordeón  e voz) formado por músicos estradenses e da comarca de Santiago. O grupo, xa ten participado nalgúns eventos musicais tanto na nosa localidade como en Santiago de Compostela.

Esta actividade sería imposible sen a inestimable participación do Concello da Estrada, ao cal agradecemos a súa colaboración.

A actividade está organizada polos Equipos de Dinamización Lingüística (DINAMIZAESTRADA) dos centros educativos estradenses:

CEIP Villar Paramá, CEIP Pérez Viondi, CEIP Cabada Vázquez, CPR Plurilingüe N. Sra. de Lourdes, CEIP Plurilingüe de Oca, CEIP do Foxo, CEIP de Figueiroa, IES nº Un, IES Manuel García Barros e IES Antón Losada Diéguez.

EDL A Estrada

Esta entrada fue publicada en Cultura, Educación e Sociedade, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta